Galicia abastécese con gas procedente da guerra e de ‘fracking’

Dos vinte e nove buques metaneiros descargados por Reganosa en Mugardos en 2023, vinte procederon de Rusia, axudando así a financiar unha guerra

A plataforma Galiza sen Gas censura a importación de gas fósil a través de Reganosa, que amais de agravar o cambio climático procede na súa meirande parte dunha zona en conflito bélico e de técnicas de extracción extremadamente perigosas co medio ambiente. O gas natural licuado (GNL) importado por Galicia durante 2023 a través da regasificadora de Reganosa en Mugardos procedeu case exclusivamente de Rusia e dos Estados Unidos. O GNL ruso, extraído en Siberia, contribuíu coa súa venda a financiar a maquinaria de guerra rusa. Pola súa parte, o estadounidense extraeuse sobre todo mediante a moi nociva técnica do «fracking», prohibida en España polo seu elevado impacto social e ambiental. 

Rusia e os Estados Unidos substituíron nos últimos anos a África como o principal subministrador de gas fósil a Galicia. Dos 29 buques metaneiros descargados na planta de regasificación de Mugardos en 2023, vinte tiveron orixe en Rusia, sete nos Estados Unidos e dous en África.

«Resulta máis que reprobábel e eticamente indecente que sigamos a importar gas fósil que axuda a financiar guerras ou atenta moi gravemente contra o medio ambiente. E máis aínda que o propio goberno galego teña participación económica neste sucio negocio, sen que nin sequera teña prevista unha folla de ruta para o seu abandono, que é imperativo para a loita contra o cambio climático«, afirman dende Galiza sen Gas.

As importacións galegas de GNL de Rusia comezaron en 2018, seguindo desde entón unha traxectoria ascendente até chegar a un máximo en 2023. A resposta da Unión Europea perante a invasión de Ucraína por Rusia en 2022 derivou nunha caída das importacións totais de gas ruso na propia Unión Europea, mais as de GNL en particular medraron, gañando peso na actividade da regasificadora de Mugardos en 2023.

Debido a Reganosa, Galicia foi pioneira en Europa tanto na importación de gas ruso desde a península siberiana de Yamal como de gas estadounidense de «fracking». En 2016 chegou a Mugardos un buque metaneiro procedente dos Estados Unidos, cifra que iría crecendo até chegar a nove en 2022, baixando a sete no pasado ano. A grande maioría do gas fósil estadounidense é de «fracking», especialmente o exportado desde as plantas de licuefacción da costa do Golfo de México, orixe do destinado ao noso país. 

Segundo os anos, a regasificadora de Mugardos é a única ou a principal vía de entrada do gas fósil en Galicia. O que recibimos desde Alxeria a través da rede ibérica de gasodutos é pouco ou nada. Isto é un inconveniente desde o punto de vista climático, pois o GNL, ao requirir maior gasto enerxético, é máis intensivo en emisións de gases de invernadoiro que o de gasoduto, o que se acentúa se proceder de «fracking», xa que esta técnica favorece as fugas de metano.

Case todo o gas importado por Galicia destínase ao consumo interno, reexportándose unha pequena parte. O atraso na transición enerxética fixo que o consumo galego de gas fósil aumentase o 41,5% entre 2016 e 2022, atinxindo o máximo histórico. As centrais térmicas de gas (ciclos combinados) de Sabón (Naturgy) e As Pontes (Endesa) e a industria acaparan conxuntamente un 90% da demanda anual galega de gas fósil.

Abandonado definitivamente o carbón en 2023, o seguinte combustíbel fósil do que podería prescindir Galicia é o chamado gas natural, ou gas fósil. A plataforma Galiza sen gas defende o fin do seu uso na produción eléctrica en 2030 e no resto dos sectores en 2035. Obxectivos realizábeis mediante a redución do consumo de enerxía e o desenvolvemento das enerxías renovábeis de forma respectuosa co territorio, coa biodiversidade e con protagonismo cidadá.

Comparte éste artículo
No hay comentarios