O deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, participou esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel, na inauguración da IX Xornada de Traballo e Saúde que se está a celebrar en Ourense baixo o título “Saúde, comunidade e traballo social sanitario”.
Rosendo Fernández agradeceu ao comité organizador deste evento que escollera Ourense para celebrar esta xornada que “ofrece un espazo de inspiración e aprendizaxe” a numerosos profesionais do sector que están interesados en discutir colectivamente sobre a importancia da comunidade, o territorio e a rede nos procesos de saúde e enfermidade.
Así mesmo, o deputado de Representación Institucional reivindicou que ademais “a nosa provincia ofrece unhas condicións idóneas para organizar eventos ligados a experiencias de valor engadido no territorio”. Froito do traballo realizado polo goberno provincial de impulso ao turismo de eventos e congresos na provincia, “estase a notar que cada vez son máis as asociacións e organizacións que, coma vós, escollen Ourense para celebrar os seus congresos ou reunións».
Esta xornada, que serve de impulso para a profesión en xeral e do traballo social sanitario en particular, está organizada polas Xefas de Servizo e Traballadoras Sociais das diferentes Áreas Sanitarias do Servizo Galego de Saúde, o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia COTSG e a Asociación Española de Trabajo Social y Salud AETSS.