Ante o malestar da comunidade científica e a proposta inxusta da carteira de Elma Saiza, a senadora do BNG exixe ao Ministerio «rectificar e dialogar co sector para atender as súas demandas»
O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas de urxencia ante a proposta de requisitos, realizada polo Ministerio de Seguridade Social, para que a comunidade científica poida recuperar a cotización dos períodos de prácticas. A senadora do BNG urxe a rectificación da carteira de Elma Saiz e estabelecer un diálogo co sector para escoitar as súas demandas e impulsar un sistema máis xusto para a recuperación da cotización ante a débeda histórica que ten o Goberno do Estado con este colectivo.
A publicación o pasado 1 de maio da Orde ministerial relativo á medida que permitiría recuperar a cotización dos períodos de practicas para o persoal investigador causou un aumento do malestar neste colectivo. Cabe lembrar que a comunidade científica protagonizou durante anos unha loita para que a carreira científica se considerase actividade laboral de pleno dereito e mesmo diversas asociacións científicas presentaron alegacións ao proxecto de Orde que, desgraciadamente, o Ministerio desoíu.
«A maior parte das persoas afectadas non poden asumir esta carga económica. Máxime cando o Ministerio decidiu cambiar a Orde e para calcula a cota a pagar considérase como base de cotización a de 2024 no lugar de estabelecer as bases correspondentes a cada ano» denuncia a senadora do BNG. Carme da Silva pon como exemplo o dunha persoa investigadora que recibía unha beca de 600 € ao mes no ano 2 000, e que en base a esta regulación tería que pagar 290 € ao mes para que conte como cotización: «case a metade da beca recibida».
En opinión da senadora do BNG, Carme da Silva, a proposta publicada polo Ministerio de Seguridade Social «é inxusta» e inasumíbel para o persoal investigador e demanda a rectificación do mesmo, camiñando cara a un sistema «máis xusto, proporcional e distributivo».
Abrir un diálogo coa comunidade investigadora para resolver a débeda histórica
Ademais das alegacións presentadas por diversas asociacións científicas á Orde ministerial, a comunidade científica fixo chegar ao Ministerio opcións para solucionar estas inxustas situacións e alertaron das dificultades que podería supor para moitas persoas investigadoras ter que asumir o custo de cubrir retrospectivamente cotas que terían que ter pagado as entidades emisoras das becas, moitas delas as propias administracións públicas.
«É preciso que o Ministerio escoite a comunidade científica e se abra a modificar a Orde, atendendo así as súas demandas. Non é xusto que o período de regulación se limite a un máximo de cinco anos e se calculen cotas en base a 2024» subliña da Silva. A senadora do BNG propón que se contemple un mecanismo para que se recoñeza todo o tempo traballado con becas de investigación anterior á entrada en vigor da Lei de Ciencia de 2011, sen o límite dos 5 anos.
O Goberno do Estado, engade Carme da Silva, ten unha débeda histórica pendente coa situación precaria que viviu e aínda vive a comunidade científica investigadora. «Débese abrir un diálogo coas sociedades científicas e os colexios profesionais que agrupan o persoal investigador e as persoas afectadas para abordar estas cuestións e buscar solucións máis adecuadas» sentenza.