O Ineltrón Santo Domingo pecha a liga en Cambre á espera da Final a 4

por Redacción Deportes

Se na Primeira División Nacional hai un premio á regularidade, este sen dúbida debería recaer no Ineltrón Santo Domingo Betanzos. Porque a falta de tan só un encontro para o final da liga, o equipo de Doc atesoura unha marca difícil de igualar: 23 partidos gañados e 2 perdidos. Nin sequera o segundo clasificado desta segunda fase que remata, inquieta minimamente aos betanceiros no que toca aos números globais: 17-8.

Ora que o sistema de competición, un tanto absurdo, non premia co campionato e o ascenso directo ao primeiro clasificado da liga, como acontece noutras CCAA e competicións, senón que obriga a dirimir as dúas prazas en xogo para a EBA nunha Final a Catro na que se enfrontan en semifinais o 1º contra o 4º e o 2º contra o 3º. E é precisamente aquí onde se atopa o único aliciente do partido do próximo domingo en Cambre, equipo que a día de hoxe ocupa a segunda posición, pois unha derrota podería supor para eles descender ao 3º posto (o que non suporía, en realidade, cambio no adversario).

Partido de trámite daquela no Sofía Toro, o domingo ás 19h, o que non quita que sirva de posta a punto e para medir as forzas cara a esa Fase Final tan desexada.

Partido transcendental de La Goleta na Fase de Ascenso a Segunda

Polo demais, nunha fin de semana na que non xogan varios equipos pola finalización das súas temporadas, unha das citas máis relevantes é a de La Goleta, o sénior de Terceira, que se mide ao segundo clasificado do seu grupo polo ascenso, o Adfro, ao que gañaron na primeira volta por 14 puntos. As cadetes feminino xogan en Compañía de María outra xornada máis da Copa Premium, as infantís do Grelo Santo Domingo viaxan a Ferrol para enfrontarse ao Baxi Ferrol e o Preinfantil, clasificado xa para a F4 da categoría, visita o Obradoiro, en Santiago, un partido no que non hai nada xa en xogo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario