O proxecto desenvolverá hoxe un taller participativo na Asociación de Veciños de Mougás e o luns 21 de setembro, ás 11:00 horas, inaugurará na Casa dos Alonso da Guarda unha nova parada da súa exposición itinerante.
A Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (FEMUPO) continúa esta semana o percorrido do proxecto “Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño”, unha iniciativa itinerante de carácter cultural, educativo e social que conecta igualdade, territorio e valores do Camiño de Santiago.
A programación chegará primeiro a Oia onde permanecerá esta semana e, onde mañá se desenvolverá un taller participativo na Asociación de Veciños de Mougás. A actividade permitirá achegar á cidadanía as historias e traxectorias de mulleres referentes, ao tempo que se traballa arredor da igualdade, da participación e da importancia de identificar referentes femininos próximos.
Os talleres forman unha parte esencial do proxecto e combinan divulgación, reflexión e participación. Entre as dinámicas propostas atópase “As mulleres que fan o noso Camiño”, coa que cada participante pode identificar unha muller referente da súa vida e contribuír á creación dun mural colectivo. O programa inclúe tamén actividades relacionadas co coidado da contorna e cos valores de respecto, convivencia e responsabilidade vinculados ao Camiño de Santiago.




A seguinte parada será A Guarda, onde o luns 21 de setembro, ás 11:00 horas, terá lugar a inauguración oficial da exposición na Casa dos Alonso, espazo do Concello da Guarda no que a mostra permanecerá instalada durante unha semana.
A exposición está composta por sete paneis: un primeiro panel de presentación e contextualización do proxecto; cinco paneis dedicados ás diferentes edicións dos Premios Mulleres FEMUPO, de 2022 a 2026; e un último panel con códigos QR que permiten acceder a contidos dixitais e ampliar a información sobre as mulleres e entidades recoñecidas.
A través desta mostra, FEMUPO busca poñer no centro a mulleres que, desde ámbitos moi diversos, abriron camiño e contribuíron a transformar a súa contorna. As súas experiencias convértense así en ferramentas de inspiración e sensibilización para persoas de todas as idades.
O proxecto percorre dez concellos vinculados ao Camiño Portugués e ao Camiño Portugués pola Costa, combinando exposicións itinerantes, talleres participativos e accións de sensibilización. O seu percorrido finalizará en Vigo a finais do mes de outubro.
Desde FEMUPO destacan que o obxectivo non é unicamente mostrar historias de mulleres recoñecidas, senón tamén favorecer que a cidadanía identifique os seus propios referentes e participe activamente: “Poñer a mulleres referentes no foco é un gran paso. Cada historia que coñecemos, cada referente que identificamos e cada experiencia que compartimos contribúe a construír un camiño máis igualitario.”
FEMUPO agradece especialmente a colaboración da Asociación de Veciños de Mougás e do Concello da Guarda para facer posible esta nova etapa do proxecto e achegalo á cidadanía.
“Mulleres FEMUPO, mulleres que fan Camiño” está impulsado pola Xunta de Galicia a través do programa O Teu Xacobeo.