A deputada do BNG valorou a resposta da Xunta de Galiza ás preguntas do BNG: «a Xunta só intentou unha cesión a dúas entidades, que rexeitaron o uso, cando estas instalacións podían mellorar o déficit de servizos públicos de Lugo»
A deputada do BNG no Parlamento Galego, Olalla Rodil, valorou a resposta do Goberno da Xunta ás preguntas do BNG sobre o abandono do antigo edificio de ASPNAIS, ubicado na Rampa de Claudio López. O BNG reclamou nas distintas institucións á Xunta que puxese en funcionamento o edificio, dando us a unhas instalacións pechadas despois do cambio de sede de ASPNAIS no ano 2020. A parlamentaria do BNG propuxo realizar as actuacións precisas para habilitar nesta instalación unha escola infantil pública «rematando co déficit de prazas da actualidade».
Rodil cualificou como «un exemplo da relación da Xunta con Lugo» o estado deste edificio, «unhas instalacións chamadas a ter un importante peso na prestación de servizos públicos». A Xunta afirma na súa resposta que ofreceron a instalación ás asociacións AFALU e ALUME, mais que rexeitaron o seu uso. «Isto foi anunciado pola Xunta en novembro de 2020, e case 4 anos despois do fracaso da Xunta neste trámite, continuamos a ver como se deteriora este edificio». A Xunta anunciaba no 2020 que nesta instalación se crearía unha residencia asistencial e un centro de día para persoas con alzhéimer, ademais dun centro de rehabilitación psicosocial e laboral, unha unidade de atención temperá, outra para a atención de trastornos de personalidade e un obradoiro de xardinería.
O edificio, titularidade da Xunta de Galiza, actualmente atópase baleiro, deteriorándose debido á ausencia de actividade. «Pasaron xa 4 anos e vemos como a Xunta só fixo anuncios, pero ningunha das propostas da Xunta se volveu realidade», aifrmou Olalla Rodil, que engadiu «Lugo e a súa contorna teñen unha gran necesidade de servizos públicos, e a Xunta ten abandonada unha instalación que podería acollelos».