O BNG recolle máis de 300 alegacións ao proxecto de Altri na mesa informativa colocada hoxe no centro de Lugo

por Redacción Lugo

Arroxo: «estamos diante dunha actividade industrial nin sostible nin moito menos circular, terá uns fortísimos impactos no territorio e no ambiente»

O BNG recolleu esta tarde máis de 300 alegacións ao proxecto que a multinacional portuguesa Altri pretende realizar en Palas de Rei. Rubén Arroxo, portavoz do BNG, estivo presente na mesa de recollida e afirmou que as veciñas e veciñas de Lugo «están a amosar o seu rexeitamento a un proxecto que non é nin sostible nin moito menos circular, un proxecto tramitado cunha absoluta falta de transparencia e con enganos». O portavoz do BNG afirmou que «durante máis de dous anos publicitouse unha factoría de fibras téxtiles e finalmente sóubose que o obxectivo principal será a produción de pasta de celulosa soluble, destinada preferentemente á exportación, nun proceso industrial que afectará enormemente á comarca da Ulloa, mais tamén aos concellos próximos como é o caso de Lugo».

A planta ocupará case un millón e medio de metros cadrados con diversas instalacións industriais contaminantes e unha cheminea de 75 m de altura, afectando directa e negativamente a numerosos concellos da contorna. Rubén Arrroxo destacou que as emisións contaminantes da fábrica «chegarán ata Lugo, empeorando a calidade do aire da cidade», e destacou que terá unha importante afectación no Camiño de Santiago e na industria agrogandeira da zona, ademais do marisqueo da ría de Arousa.

«O proxecto de Altri en Palas de Rei condicionará de maneira decisiva a política forestal, incrementando a eucaliptización e afectando aos equilibrios, á biodiversidade e ás cadeas de valor da industria forestal galega», afirmou Rubén Arroxo, que destacou que «a afección deste proxecto vai máis alá dos concellos da contorna, do río Ulla e da ría de Arousa, é un proxecto que atenta contra os intereses xerais de Galiza».

Altri prevé un consumo de grandes cantidades de auga procedentes do río Ulla e o vertido dun voluminoso caudal de augas sometidas a depuración industrial máis contaminantes, que incidirán negativamente na calidade das augas, na biodiversidade e na produtividade tanto do río Ulla como da ría de Arousa, e afectará tamén ás actividades económicas e ao emprego na contorna, o que non compensa en absoluto os supostos beneficios da nova actividade industrial.

Etiquetas ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario