O presidente da Xunta reuniuse cos embaixadores de países da UE en España
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo hoxe en valor a tradición europeísta de Galicia representada no Camiño de Santiago, que percorren cada día milleiros de peregrinos de diferentes países.
Así o sinalou hoxe nun encontro con embaixadores da Unión Europea en España que están de visita por Galicia. Ante eles, destacou “o moitísimo que mellorou Galicia grazas a Europa en gran parte” e, por iso, avogou por unha “boa utilización” dos fondos europeos, como vén facendo a Xunta no ámbito das súas competencias.
Rueda fixo tamén fincapé na necesidade de ser competitivos nos mercados globais. Neste sentido, destacou que Galicia “é unha das potencias pesqueiras da UE, unha potencia no medio rural”, e que ocupa unha “posición punteira” nas enerxías renovables. Ademais, lembrou que Galicia é tamén unha comunidade exportadora, que vén de bater de novo o seu récord de exportacións.
Por último, agradeceu aos embaixadores a súa visita a Galicia, “unha das comunidades con máis sentimento europeo”, e convidounos a percorrer o Camiño de Santiago.