Inés Rey: “A Coruña, coma Europa, é símbolo de progreso e diálogo e hoxe temos outro exemplo do asentada que está entre nós esa idea”
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá a recepción institucional do cume de embaixadores e embaixadoras dos estados membros da UE na Coruña, con motivo da visita organizada pola Presidencia Belga do Consello da Unión Europea a Galicia. Rey destacou no acto institucional a tradición europeísta da cidade pola súa historia e posicionamento atlántico. «Actos coma os de hoxe supoñen unha reafirmación do noso espírito aberto, forxado grazas á tradición portuaria que nos levou sempre a mirar cara ao exterior con ollos atentos e receptivos e profundamente europeos», sinalou.
A rexedora explicou que A Coruña e Galicia son estratéxicas para tecer relacións europeas e internacionais con España. «Nin Galicia nin A Coruña son unha periferia, ao contrario, limitamos ao norte co Reino Unido e Irlanda, ao sur con Portugal, ao leste coa Europa continental e o mundo mediterráneo e ao oeste con América», recordou.
Ademais, Rey situou A Coruña como cidade natal de Salvador de Madariaga, intelectual de referencia do século XX polos seus ideais europeístas. «Sempre entendeu que nesta parte do mundo residían, como en ningún outro lugar, as ideas democráticas precisas para evitar repetir os peores episodios da historia universal», explicou. A alcaldesa referiuse á situación internacional e reclamou a protección e defensa da democracia, a soberanía e os dereitos humanos como apoio do Estado de Benestar. «A Coruña, coma Europa, é símbolo de progreso e diálogo e hoxe temos outro exemplo do asentada que está entre nós esa idea» concluíu.
En total, a delegación diplomática estivo conformada por embaixadores e embaixadoras, xunto coa cónsul honoraria de Bélxica, de 23 dos 27 estados membros da Unión Europea: Croacia, Francia, Suecia, Portugal, Bélxica, Eslovenia, Lituania, Chipre, Letonia, Bulgaria, Hungría, Finlandia, Luxemburgo, Irlanda, Grecia, Alemaña, Austria, Polonia, Países Baixos, Dinamarca, Estonia, Eslovaquia e Italia. A alcaldesa estivo acompañada da corporación, xunto con representantes de entidades sociais e empresariais da cidade.