O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou este martes na Casa da Habanera guitiricense xunto á Alcaldesa de Guitiriz e Deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira Morandeira, na presentación da VII Festa da Torta de Millo, que se celebrará o vindeiro 2 de xuño no Campo da Feira. Un evento que conta co apoio de máis de 40.000€ da institución provincial a través do Plan Deputación 2024
Rivera puxo en valor aos “verdadeiros protagonistas desta cita”, referíndose aos establecementos artesáns que preparan a torta: Panadería David, Pastelería Gómez e Panadería La Esquina. “A gastronomía é un dos piares da nosa cultura, e a torta de millo é unha mostra perfecta diso. Esta delicia, elaborada con receitas transmitidas de xeración en xeración, é un símbolo da nosa historia e das nosas tradicións. Degustala é saborear a esencia de Guitiriz, o traballo das nosas xentes e o amor pola nosa terra”, asegurou.
O Deputado incidiu en que a Festa da Torta de Guitiriz “é máis que unha celebración gastronómica, é tamén un evento que impulsa a nosa música galega contemporánea. Este ano, temos a sorte de contar cun cartel de artistas que representan o mellor da nosa música actual, como Fillas de Cassandra, Mondra ou Xurxo Fernandes. A súa presenza aquí é unha mostra do talento e a creatividade que abunda na nosa terra. Eles potencian a nosa lingua e a nosa cultura a través das súas cancións, levándonos a reflexionar, a bailar e a sentirnos orgullosos do que somos”.
No acto de presentación aproveitou para agradecer a todos os que fan posible esta festa: aos organizadores, aos cociñeiros e cociñeiras, aos artistas, e a todos os voluntarios que traballan arreo para que este evento sexa un éxito ano tras ano. “Grazas ao seu esforzo, a Festa da Torta de Guitiriz segue medrando e consolidándose como unha das celebracións máis importantes da nosa comarca”.
Ademais da tradicional degustación e venda do doce, a cita inclúe obradoiros, exposicións, xogos populares ou postos de polbo á feira.