A Xunta de Galicia celebra do 24 ao 26 de maio a Primavera de portas abertas na Denominación de Orixe Ribeira Sacra

por 21 Noticias

Cunha ampla programación de rutas, catas e actividades enolóxicas e culturais. O evento foi presentado hoxe na Delegación Territorial da Xunta en Lugo polo delegado, Javier Arias; o presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luis Fernández Guitián, e o presidente do Consello Regulador da Denominación, Antonio Lombardía.

Arias destacou que o sábado e o domingo están previstas visitas guiadas durante todo o día para percorrer algunhas das 13 adegas adheridas ao programa, museos e outros lugares de interese; inclúen o traslado en autobús con saídas desde A Coruña, Vigo, Ourense, Santiago de Compostela e Lugo, neste caso desde a Praza de Bretaña ás 9.30 horas.

Ademais, a iniciativa de Turismo de Galicia ofrece desde este venres 13 actividades en distintas localizacións da Ribeira Sacra, entre elas a ruta literaria «Todo esto te daré», baseada no libro de Dolores Redondo; o obradoiro «Enólogo por un día», unha excursión en segway, paseos en barca polo río,e visitas ao Centro do Viño, o ecomuseo de Arxeriz, Monforte de Lemos, varios miradoiros, ou as oliveiras, viñedos e o Museo Etnográfico de Quiroga, entre outras. Os detalles de cada experiencia poden consultarse na web de Turismo de Galicia.

Primavera de portas abertas é una acción promocional que leva a cabo Turismo de Galicia en colaboración coas Denominacións de Orixe vitivinícolas galegas. Deu comezo o 3 de maio en Valdeorras, continuou nas sucesivas fins de semana nas Rías Baixas e o Ribeiro, recala agora na Ribeira Sacra e rematará o 2 de xuño en Monterrei.

A proposta impulsa a viticultura e o turismo enogastronómico como principais elementos dinamizadores deses territorios, promocionando a súa oferta turística e incentivando a comercialización dos seus viños.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario