Ameijide insta a PSOE e BNG a abrir o aparcadoiro de Santa María anunciado en 2022 “e deixar de pelexarse entre eles e de esixir aos demais”

por Redacción Lugo

Antonio Ameijide insta a PSOE e a BNG a poñerse de acordo para abrir dunha vez o que foi “o aparcamento máis efímero da historia” xa que logo de abrir unhas hora levan 2 anos e medio de pelexas entre socios de goberno para seguir téndoo pechado, así funcionan os bipartitos.

A falta de prazas de estacionamento en Lugo é notoria polo que todas as prazas que se poidan xerar son positivas de cara a mellorar a circulación. Neste senso, dende o Grupo Provincial Popular recordan o anuncio de febreiro de 2022, cando o BNG na Deputación e no Concello anunciaron a apertura deste espazo que, ás poucas horas, José Tomé decidiu pechar.

Un choque entre os socios de goberno en ambas administracións, Deputación e Concello, que se “solucionou”, tal e como explica o voceiro provincial popular Antonio Ameijide, co anuncio por parte de Tomé, aos poucos días, dunhas obras para renovar ese espazo e abrilo ao público.

Ameijide recorda que o anuncio realizado polo presidente da Deputación contiña a apertura do aparcadoiro nese mesmo ano 2022, pero a realidade é que “estamos case a mediados de 2024 e aínda non se abriu”.

As obras remataron en setembro do ano pasado e, dende entón, so abre en horario de mañá e unicamente poden acceder os funcionarios provinciais. “Parécenos unha boa opción que os empregados da Deputación teñan un espazo habilitado para aparcar con seguridade e dentro do propio centro de traballo, pero non se entende que polas tardes se poña o candado e se manteña baleiro estando ao carón do centro, cando anunciaron a súa apertura en 2022”, sinalou.

Segundo as últimas novas publicadas polos medios de comunicación, o aparcadoiro non abriu ao carecer de diversos permisos, como o da instalación das cámaras de seguridade. Dende o Grupo Provincial Popular estanse a estudar todas as opcións, como solicitar acceso e copia a toda a documentación relativa a este aparcadoiro para estudar detalladamente os motivos de que siga pechado e sen abrir ao público.

Mentres PSOE  e BNG se dedican a complicar cada día máis o tráfico e o estacionamento na cidade, especialmente no centro, manteñen este espazo pechado pola loita de egos interna do bigoberno provincial.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario