A Asociación Española Contra o Cancro presentou o seu Club de Saúde en Cedeira

por Redacción Galicia

Cedeira será un dos primeiros municipios en contar con un Club de Saúde, xunto con Vimianzo e Melide

O Auditorio de Cedeira acolleu a presentación do Club de Saúde da Asociación Española Contra o Cancro, en colaboración co Concello. O acto contou coa presencia de Isabel Estevan, representante do Consello Provincial da Asociación Española Contra o Cancro, Pablo Moreira, alcalde de Cedeira, Ana Isabel Lorenzo, xefa de Servizo do Centro de Saúde de Cedeira, e Teresa Berceiro, presidenta da Xunta Local da Asociación en Cedeira. Os Clubes de Saúde da Asociación están deseñados para mellorar a saúde integral — física, emocional e social — das persoas en zonas rurais, proporcionando ferramentas que fomenten un maior benestar, e conta co apoio da Consellería de Sanidade.

Un proxecto pola saúde integral en Cedeira

O Club de Saúde de Cedeira é unha iniciativa pioneira que pretende facilitar o acceso a recursos de saúde integral, especialmente en áreas onde estes servizos poden ser menos accesibles, promovendo o principio de equidade que defende a Asociación. Dirixido a pacientes con cancro, superviventes e os seus familiares, o club ofrece un espazo semanal de encontro e apoio. Entre as actividades que se desenvolverán, a cargo dun un equipo de profesionais especializados e voluntarios da Asociación, inclúense talleres sobre nutrición, exercicio físico adaptado, promoción de hábitos saudables, desenvolvemento de habilidades no manexo de emocións, e actividades que promoven a inclusión social e o benestar comunitario. Este proxecto piloto ademais de en Cedeira, tamén se levará a cabo en Melide e Vimianzo, con ánimo de crecer nun futuro en máis puntos do territorio da provincia coruñesa.

O Club de Saúde de Cedeira terá lugar no Centro de Saúde, todos os xoves do 20 de xuño ao 12 de decembro, en horario de 17.00 a 18.30 horas,. A participación no club é completamente gratuíta -como tódolos programas e servizos da Asociación Española Contra o Cancro-, requirindo unicamente dunha derivación por parte do médico de cabeceira ou a través dos voluntarios da Asociación Española Contra o Cancro en Cedeira.

Pola equidade fronte ao cancro

A Asociación Española Contra o Cancro salienta cos Clubs de Saúde a importancia de fomentar a equidade no acceso aos recursos de saúde integral, especialmente en áreas rurais onde os servizos non sempre son tan accesibles como en núcleos urbanos. Para iso, o traballo en rede é fundamental nos Clubs de Saúde, que non só achegan recursos de saúde aos municipios, senón que tamén fortalecen as comunidades rurais, creando espazos para que as persoas poidan conectar, compartir experiencias e apoiarse mutuamente, axudando a romper o illamento que a miúdo enfrontan as persoas con cancro. Ademais, os Clubs de Saúde fomentarán a atención próxima e a comprensión das necesidades locais, clave para responder efectivamente ás necesidades específicas de cada municipio, abordando tamén a soidade non desexada e as vulnerabilidades que poden xurdir co cancro.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario