O BNG reclama á Xunta que abra os aparcadoiros do Edificio Administrativo da Xunta e dos centros educativos do centro en horario de tarde
O BNG continúa coa súa campaña a prol da apertura de aparcadoiros en edificios dependentes da Xunta de Galiza. O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, criticou a postura do PP «marxinando á cidade de Lugo desde a Xunta de Galiza mentes pide que desde o concello se asuma máis traballo». O portavoz do BNG explicou que «o PP quéixase de falta de espazos de estacionamento, pero non é capaz de colaborar desde a Xunta de Galiza para solucionalo»
Rubén Arroxo destacou o traballo executado polo Concello de Lugo, tanto abrindo o aparcadoiro do seminario para toda a veciñanza nas tardes e fins de semana como «planificando as actuacións na vía pública co obxectivo de mellorar a fluidez do tráfico e gañar prazas de estacionamento», afirmou Rubén Arroxo en referencia aos cambios executados coa peonalización da Mosqueira, que permitiron gañar 105 prazas de estacionamento nas rúas próximas ao concello.
O BNG continúa a reclamar á Xunta que poña a disposición da veciñanza os aparcadoiros das distintas instalacións públicas, tal e como fai o Concello de Lugo co aparcadoiro do Seminario. Ese espazo, explica Arroxo, pasou de estar reservado a persoal do Concello a ser accesible para toda a veciñanza, abrindo un camiño que debe prolongarse para optimizar os recursos públicos dispoñibles para mellorar a mobilidade dentro da cidade, insiste o portavoz do BNG.
En Lugo existen outros espazos xestionados pola Xunta de Galiza que poderían ampliar a capacidade de estacionamento na contorna do centro da cidade e que beneficiaría o acceso das veciñas e veciños a esta zona. Para Rubén Arroxo «é positivo que se incremente o número de prazas de aparcadoiro na zona do parque e da Avenida Ramón Ferreiro aproveitando os aparcadoiros do IES Virxe do Ollos Grandes, Lucus Augusti e da contorna da Facultade de Formación do Profesorado», na actualidade con prazas reservadas as 24 horas para vehículos autorizados e inaccesibles para o público xeral, explica. O portavoz do BNG tamén ve necesario «paliar a perda de prazas de estacionamento na Estación de Tren co inicio da construción da nova intermodal, podendo empregarse as prazas do aparcadoiro do Edificio Administrativo da Xunta nun horario no que menos afecte á xornada habitual do persoal».