Licitadas as obras de mellora da estrada provincial que une Portadornas e Lameiro, en Friol

por Redacción Lugo

A Deputación de Lugo inviste case 73.000€ na LU-P-2104, que vertebra a parroquia de Xiá, entre o inicio da vía e ata o punto quilométrico 2,689

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación das obras para mellorar un tramo de preto de tres quilómetros na estrada provincial LU-P-2104, de Portadornas a Lameiro, por Xiá, no concello de Friol. Así o informou a Voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que subliñou que o investimento para esta actuación é de case 73.000€.

As obras consistirán na apertura de cunetas, reparación dos danos e repavimentación entre o inicio da estrada e o punto quilométrico 2,689. O prazo de execución será de tres meses desde o inicio dos traballos. “Trátase dunha actuación relevante, porque esta estrada vertebra a parroquia de Xiá, unha das máis importantes do concello de Friol”, valorou a Deputada.

Servizos veterinarios para a Granxa Gayoso

García Porto informou tamén de que na Xunta de Goberno adxudicouse un contrato por importe de 134.241,8€ para a prestación de diferentes servizos veterinarios na Granxa Gayoso Castro. Trátase, por unha parte, dun servizo de urxencias 24 horas; de podoloxía; de programas de prevención e de tratamento de coxeiras e problemas podais por un importe de 63.415€, e, por outro, dun servizo especializado en reprodución e mellora xenética para o desenvolvemento do control reprodutivo na Granxa por un prezo de 70.826,8€. Resultaron adxudicatarias Servizos Veterinarios Meilán SLP e Xénese ETE Veterinarios SL, respectivamente.

A duración do contrato é de un ano, coa posibilidade de realizar dúas prórrogas anuais máis, sen que se exceda os tres anos no seu conxunto.

Etiquetas , ,
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario