O Concello de Oleiros solicita a APLU e Costas a paralización e demolición dunhas obras ilegais en Bastiagueiro en zona verde

por Redacción A Coruña

O Concello de Oleiros notificou á APLU (Axencia de protección da legalidade urbanística da Xunta de Galicia) e á Dirección Xeral de Costas a realización dunhas obras ilegais nunha parcela lindante co paseo da praia de Bastigueiro. O Concello solicita que ambos organismos, que son os que teñen competencias neste caso, paralicen de inmediato a obra, ordenen a súa demolición e impoñan a sanción económica correspondente ao infractor.

Para a realización destas obras de construción de novas edificacións, a persoa propietaria da parcela non solicitou a correspondente licencia municipal. De facelo, tampouco obtería nunca permiso dado que a parte da parcela na que está a construír as novas edificacións está cualificada polo Plan Xeral como zona verde e atópase no espazo de protección de costas. De forma totalmente ilegal, está a crear unhas novas edificacións con diversas estancias e ampliou a pérgola preexistente, na mesma finca onde estaba a caseta que o ditador Francisco Franco utilizaba para o baño.

No Concello de Oleiros existe un Plan Xeral urbanístico que regula o que se pode facer no territorio. Para a realización de calquera tipo de obra é necesario axustarse ao establecido no Plan Xeral e contar coa pertinente autorización municipal. A diferencia da inmensa maioría de municipios, aquí non é posible saltarse as normas nin existen distincións entre os cidadáns en función dos seus recursos económicos.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario