Formoso destaca o “exemplo empresarial” de Joaquín González na súa traxectoria tras varias décadas en Vegalsa

por Redacción Galicia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou o «exemplo empresarial» que supón Joaquín González na súa traxectoria de case catro décadas en Vegalsa. Fíxoo no acto de clausura do X Encuentro con la Industria Alimentaria, organizado pola compañía e celebrado onte na Cúpula Atlántica, na Coruña.

Joaquín González puxo fin á súa traxectoria como director xeral de Vegalsa o pasado mes de febreiro e deu o relevo a José Manuel Ferreño tras 38 anos dirixindo unha compañía que no 1998 se aliou con Eroski para converterse no líder da distribución en Galicia e está en proceso de expansión en Asturias e Castela e León. «Naceu ao amparo de moita xente, nunha época ben diferente á actual. Os valores eran moito máis atrasados e agrarios, os dereitos sociais eran ben diferentes e a loxística, tamén. É un exemplo a nivel empresarial en Galicia e en España», apuntou Formoso.J

Para o presidente provincial, Vegalsa «é un escaparate dos produtos galegos». «Cando un percorre un supermercado, percorre Galicia. Os seus portos e os seus campos. Hai que recoñecer o traballo da compañía. Cando un estuda as súas cifras, detecta o esforzo por mercar aquí. Na compra a produtores galegos agroalimentarios, investiu unha cifra que é a suma dos orzamentos de Ferrol, A Coruña e Santiago, as tres principais cidades das provincia», matizou.

Neste sentido, o mandatario amosouse «seguro» de que a empresa saberá «afrontar os retos» que ten no horizonte e que pasan, como noutros sectores, pola sustentabilidade a través da transición enerxética e a economía circular. «Neste ámbito, a compañía traballa desde hai moitos anos e Galicia ten que ter un papel protagonista. De feito, xa é a comunidade con máis enerxía eólica producida no ámbito nacional», expresou Formoso, que non se quixo esquecer dos transportistas, «fundamentais» nesa cadea que permite ao sector ser o cuarto con máis peso sobre o total do emprego galego.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario