O Concello da Laracha reforza a oferta de campamentos no programa de actividades de verán

por 21 Noticias

O prazo de inscrición abrirase o mércores 5 de xuño.

O Concello volverá ofertar un amplo abano de 18 actividades para o público infantil, xuvenil e adulto no programa municipal de verán que se vai desenvolver entre os meses de xullo e agosto. As propostas mellor valoradas nos anos precedentes mantéñense nesta edición, que presenta como novidade principal un novo campamento infantil co que se reforza a oferta no mes de agosto, xa que entre os obxectivos prioritarios deste programa están ofrecer posibilidades para o aproveitamento do tempo libre e tamén facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar durante o período de vacacións de verán nos centros escolares.

Ese novo campamento titúlase Divercamp e realizarase do 5 ao 9 de agosto en horario de 9:30 a 13:30 h no pavillón do IES e na Casa da Cultura. Vai dirixido ao alumnado de infantil e primaria, que farán actividades de baile, música, robótica e de aprendizaxe de idiomas como inglés e francés.

Os tradicionais Campamentos de Caión realizaranse en dúas quendas na primeira quincena de xullo, ambas en horario de 10:00 a 18:00 h. A primeira será do día 1 ao 5 e dirixida a rapaces de 10 a 12 anos de idade. A segunda, do 8 ao 12 e para nenos de 7 a 9 anos.

Tamén se oferta o Campamento Urbano a nenos de 4 a 6 anos de idade. Realizarase do 1 ao 5 de xullo entre as 9:30 e as 13:30 h no pavillón do IES Agra de Leborís.

E os maiores de 13 anos poderán asistir ao Parque Multiaventura Rías Baixas, cunha estancia de tres días na localidade pontevedresa de Cotobade durante a que realizarán diferentes actividades deportivas.

Tanto no Divercamp como no Campamento Urbano ofrécese como opción a partir das 8:30 h o servizo Madruga para aquelas familias con necesidades de conciliación nese horario.

Á marxe dos campamentos, na programación hai outras dúas novidades. Realizaranse cursos de skate todos os martes dos meses de xullo e agosto pola mañá, con quendas para nenos de 7 a 11 anos de idade e para maiores de 12 anos. Tamén se ofertará por primeira vez unha xornada de iniciación á vela que terá lugar o 8 de agosto en Caión, pero con transporte incluído desde a Praza do Concello.

Na programación municipal seguirán tendo cabida os campus de fútbol (29 de xullo a 2 de agosto) e de baloncesto (5 a 9 de agosto) que cada verán teñen unha excelente acollida e unha alta participación.

Outras propostas son a xornada de iniciación ao surf en Caión (22 de xullo) e as saídas á Ría de Sada para practicar kaiak e paddle surf (23 de xullo), ao Urban Planet de Oleiros para desfrutar do Trampoline Park (12 de agosto), ao circuíto de karting de Vimianzo (13 de agosto), a Valdoviño para unha xornada de paintball (19 de agosto), ao Río Ulla para iniciarse no rafting (21 de agosto) e á Coruña para gozar das instalación de Humor Amarelo (23 de agosto).

Tamén haberá eventos para os ciclistas, coa 35ª edición do Día da Bicicleta (11 de agosto) e a Pequerruta do 17 de agosto que se realizará en colaboración coa Asociación Deportiva Downhill Laracha.

O prazo de inscrición abrirase o mércores 5 de xuño ás 9:00 horas. As prazas outorgaranse por orde de inscrición no Concello ou na web www.alaracha.gal/actividades a excepción dos campamentos, para os que a preinscrición permanecerá aberta ata o 16 de xuño e, de ser preciso, realizarase un sorteo público para outorgar as prazas o 18 de xuño ás 10:00 h no Salón de Plenos.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario