Arrolando ambos ás novas xeracións que posan felices co trofeo conquistado por papá este pasado domingo, unha Copa da Costa de Veteranos que se engade ao título de Liga de hai apenas unhas semanas, cos irmáns Rodríguez Gómez convertidos nunha dupla tan letal como representativa dese fútbol da Costa que os bota de menos e soña co seu regreso.
Juni e Mario quixeron enrolarse, xuntos coma non, nunha competición quizais menos vistosa e lucida, de horarios matutinos e público escaso, pero onde a súa pegada segue deixando un rastro de calidade que nos resulta moi familiar. Relegado o posto de adestrador que tantas tempadas ten ocupado, Juni fixo un conxuro co seu maltreito xeonllo para que lle fose concedida unha tregua onde cabalgar con Mario, impenitente e despiadado goleador que fustiga ao rival coa naturalidade de quen fai do gol unha arte propia, algo ante o que renderse e admirar incluso cando caes vítima do seu poderío. Sen vitola de favoritos, a contracorrente e unidos por ese xen competitivo do que Luca e Sofía xa son herdeiros, un berce de talento que, quen sabe, de aquí a pouco estean recollendo os seus propios trofeos. Exemplos para imitar na casa, non van faltarlles.