O Concello da Laracha destina por segundo ano 40.000 euros a esta iniciativa dirixida a subvencionar as compras para reactivar e dinamizar o comercio local.
Este xoves rematará o prazo para que calquera persoa empadroada no termo municipal da Laracha e maior de dezaoito anos de idade solicite a súa participación no programa Eu merco na Laracha que impulsa o Concello por segundo ano consecutivo co propósito de dinamizar e reactivar o comercio local. Tamén conclúe o xoves o período para que as pequenas e medianas empresas do termo municipal de calquera actividade comercial (incluídas as do sector servizos) se sumen a esta iniciativa.
Para facelo é preciso rexistrarse cubrindo en liña o formulario que está dispoñible na web www.eumerconalaracha.alaracha.gal ou ben de forma presencial no Edificio Administrativo da Laracha.
Eu merco na Laracha consiste nunha campaña de bonos que se porán a disposición da cidadanía para empregar nos establecementos adheridos, subvencionando así as compras para beneficiar a economía da veciñanza, fortalecer os negocios locais e fomentar o consumo de proximidade nos sectores comerciais, hostaleiro, cultural, educativo, salóns de peiteado e beleza, taxis, etc.
O formato de presentación será unha chequeira por valor de trinta euros que conterá tres bonos de dez euros. Cada un deles será independente e poderá empregarse para descontar por cada gasto de vinte euros nas compras, consumos ou servizos nos establecementos ou actividades adheridos (por vinte euros de gasto descontaríase un bono, por corenta euros, dous, e por sesenta euros, tres).
Do mesmo xeito que na primeira edición do programa, o Concello destina neste ano a esta iniciativa 40.000 euros para repartir un total de 1.333 chequeiras. No caso de que se rexistren máis solicitudes que bonos dispoñibles, para adxudicalos faríase un sorteo mediante un sistema electrónico de elección automática e aleatoria.