Xuventudes Socialistas: “O PSdeG é o único partido que fala de Galicia os 5 anos de lexislatura”

por Redacción Galicia

Xurxo Doval, secretario xeral de XSG, manifestou a “importancia dunha UE onde o galego sexa unha lingua oficial, ou onde se garantan os dereitos laborais, como coas prácticas remuneradas coas que o PP se abstivo”

As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) fixeron un reparto no campus de Ourense para motivar á xente nova a combater a abstención nunhas eleccións europeas onde “o PP arrisca o noso futuro coqueteando con Le Pen e Meloni”. No reparto, tamén estivo a voceira municipal. Natalia G. Beneitez.

“Os dereitos do colectivo LGTBI contras os que lexisla Meloni, ou os avances feministas como o aborto, diana de Le Pen, son piares da UE que se van ver ameazados se a mocidade non sae a votar” alertaron no campus de Ourense.

Xurxo Doval, secretario xeral de XSG, manifestou a “importancia dunha UE onde o galego sexa unha lingua oficial, ou onde se garantan os dereitos laborais, como coas prácticas remuneradas coas que o PP se abstivo”.

O líder mozo reafirmouse ao dicir que “o PSdeG é o único partido que fala de Galicia os 5 anos de lexislatura, fronte un BNG que aparece e desaparece cada dous anos e medio, e un PP de corpo presente e mente ausente”. Doval insistiu nesta idea “ao ser un eurodeputado galego, Nico, quen logrou o tope do prezo da luz”.

“O PP intentou paralizar os Fondos NextGen en Bruxelas, non o lograron, e boicotean agora a súa execución en Galicia, en cousas tan fundamentais como en vivenda, ou pervertindoos para impulsar o proxecto de Altri”, engadiu Xurxo Doval.

Os socialistas resaltan a importancia da UE para financiar os proxectos de innovación do Campus de Ourense, “un campus con moito potencial investigador e coa proximidade dun parque tecnolóxico que vai collendo peso”.

ALTRI

O líder mozo aproveitou para parabenizar á Plataforma Ulloa Viva “pola exitosa convocatoria de onte, coa mobilización de milleiros de galegos comprometidos coa súa terra”.

Doval aseverou que “non podemos mirar a outro lado. De nada servirá arrepentirse nuns anos por permitir que se poña unha planta 10 veces peor que ENCE no corazón de Galicia”. “Existe o talento suficiente en Galicia, nas universidades e no tecido empresarial, para aproveitar eses fondos e impulsar unha industria galega, estratéxica e o máis importante: medioambientalmente sostible”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario