O BNG vén de recibir a resposta ás alegacións presentadas en abril de 2023, onde a Xunta de Galiza recoñece que é preciso someter o proxecto a un novo estudo de impacto ambiental
Rubén Arroxo, portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, valorou a resposta da Xunta de Galiza ante as alegacións presentadas en abril de 2023 polo BNG ao proxecto da Rolda Leste. Arroxo afirmou que «a Xunta danos a razón e someterá ao proxecto a un novo estudo de impacto ambiental». O portavoz do BNG afirmou que «desde o BNG seguiremos a traballar na protección do Parque do Rato, e permaneceremos vixiantes para que o novo proxecto que se someta a estudo garanta a protección desta zona verde, o gran pulmón verde do Concello de Lugo».
Arroxo reivindicou unha vez máis que o investimento previsto para a Rolda Leste se adique a recuperar o barrio da Tinería, «trasladando o orzamento que gardan para a rolda Leste, o barrio da Tinería poderá avanzar e poñerse ao nivel que merece como zona histórica da cidade», afirmou Rubén Arroxo.
As alegacións que presentou o BNG vían inviable a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto, que data do ano 2005, e que debería ser anulada debido aos cambios producidos na lexislación, dado que as obras non foron iniciadas nos seis anos seguintes á publicación da Lei 21/2013. «A Xunta danos a razón e terá que elaborar unha nova DIA», afirmou Rubén Arroxo. O BNG argumentou que este proxecto presenta cambios substanciais na construcción de parte das estruturas, e non se cinxe ao espazo reservado no PXOM, o que faría nula a Declaración de Impacto Ambiental de 2005.
O BNG reclamou tamén unha maior protección do trazado afectado na Vía Künig, onde o propio proxecto recoñece unha afectación de 68 metros, recoñecemento que, segundo o BNG, «fai que sexa convinte acelerar o estudo da vía coa fin de non causar prexuízos que sexan irreparables a longo prazo». No referente ao tráfico, o propio estudo incluído no proxecto da Xunta de Galiza recoñece que o nivel agardado pode ser absorbido polas vías existentes, «o que converte en inútil eliminar ese terreo do paseo do Rato, un espazo verde envexable para moitas cidades», sentenciou Rubén Arroxo.