Propoñen a súa vixilancia e medidas de actuación para evitar a súa expansión
Os investigadores da Universidade da Coruña Jaime Fagúndez, da Área de Botánica; e María José Servia, da Área de Zooloxía; descubriron, xunto cos investigadores Anxo Balado, Eva Martínez Veiga e Miguel A. Fernández, unha nova especie invasora, a primeira cita na Península Ibérica, da especie Crassula helmsii.
A Crassula helmsii é unha planta acuática orixinaria de Nova Zelandia, utilizada en acuarioloxía e que supón un grave problema en países como as Illas Británicas e os Países Baixos. A Crassula helmsii provoca danos en lagos e encoros, pode afectar á calidade da auga e afectar a flora e fauna nativas, e en xeral aos ecosistemas naturais.
Os investigadores atoparon unha relación entre a presenza desta planta e o nitróxeno do chan e a riqueza de especies nativas. A hipótese dunha relación directa entre outra especie invasora, o cangrexo americano, e a planta descuberta non se demostrou, pero podería existir un beneficio mutuo para as dúas especies que agrave o problema no encoro.
Os científicos propoñen unha maior vixilancia para alertar da entrada de novas invasoras nas primeiras etapas de invasión, que permita limitar a súa expansión e os danos ambientais, sociais e económicos que poida xerar no futuro.
Este estudo forma parte dun proxecto financiado pola Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sostible, coa colaboración da Reserva da Biosfera Terras do Mandeo, e a empresa EMALCSA.
O estudo publicouse na prestixiosa revista internacional “Biological invasions”