O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos a venda de tres novas parcelas dos polígonos de Chantada e de Baleira. A institución provincial, que xestiona directamente estes parques empresariais, completa con esta firma a ocupación no polígono industrial chantadino dos Acivros e avanza nos outros sete da provincia
No caso de Chantada, vendéronse as parcelas número 16 e 20; a primeira á empresa de enerxía solar Efigalia por 28.800€ e a segunda á firma de queixos galegos Airas Moniz por importe de 45.560€. O mandatario provincial tamén asinou a venda dunha parcela do polígono industrial do Cádavo, en Baleira. Trátase da número 8 e vendeuse a un prezo de 21.464,19€ á piscifactoría Ovapiscis.
Desta forma, a día de hoxe, o polígono de Chantada estaría completo con 43 parcelas vendidas das 49 existentes e outras 6 xa reservadas. No de Baleira quedan 11 parcelas á venda das 27 existentes. No resto dos parques industriais que xestiona a Deputación de Lugo a dispoñibilidade é de 44 parcelas no polígono de Castroverde, das 51 existentes; 27 en Friol das 55 coas que contaba este parque; 2 en Ourol das 3 coas que conta; 17 das 19 que había inicialmente no de Paradela; e 3 das 12 iniciais do complexo de Begonte.
Por outra parte, o polígono Feira do Monte de Cospeito conta con 24 parcelas, que as empresas interesadas xa poden solicitar. A Deputación de Lugo investiu 1,3M€ na urbanización deste parque e entregoullo ao Concello de Cospeito o pasado mes de marzo. Ademais, a institución provincial vén de acordar unha bonificación do 30% no prezo do metro cadrado, fixándoo nos 39€ fronte aos 55,72€ iniciais.