“Esperamos que sirva para que o Racing poida seguir facendo desfrutar a unha cidade, a unha comarca e a unha provincia como está a facer nestes últimos anos”, apuntou Formoso
.A Deputación da Coruña achegará ao Concello de Ferrol ata 750.000 euros para cofinanciar as obras de renovación completa do sistema de iluminación do estadio municipal de A Malata, e cumprir así cos requisitos que demanda a Liga de Fútbol Profesional para competir en Segunda División e que a instalación deportiva ferrolá non cumpre neste momento.
Así se recolle no protocolo a tres bandas asinado esta mañá na sede da institución provincial polo presidente, Valentín González Formoso, o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e o presidente do Racing de Ferrol, Manuel Ansede, no que se establece que a Deputación da Coruña apoiará ao Concello de Ferrol no financiamento deste proxecto cunha achega económica de ata 750.000 euros, aos que se sumarán outros 750.000 euros aportados polo Concello de Ferrol, titular do estadio da Malata, e arredor de 300.000 € que serán aportados polo Racing de Ferrol, usuario da instalación, para completar un proxecto que conta cun orzamento estimado de 1,8 millóns de euros.
O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou que se trata “dunha aportación económica importante entre as dúas administracións, que chega aos 1,5 millóns de euros”. “Esperamos que sirva para que o Racing poida seguir facendo desfrutar a unha cidade, a unha comarca e a unha provincia como está a facer nestes últimos anos”, apuntou Formoso, que puxo en valor “o apoio continuo” que a Deputación da Coruña ven prestando ao Racing de Ferrol, con investimentos como o medio millón destinado á reforma da grada norte da Malata o ano pasado ou os 150.000 euros anuais cos que a institución provincial apoia ao equipo para promocionar Ferrol e a provincia da Coruña como destino turístico.
Pola súa banda, o alcalde de Ferrol quixo pór en valor “o paso importante que dá a Deputación para conseguir o obxectivo de garantir uns prazos tan esixentes como os que La Liga impón a todos os clubs”. Rey Varela amosouse un fervente crente “na colaboración entre institucións” e resaltou a “vocación de asistencia a municipios, de cooperación e de colaboración cos concellos e as institucións máis importantes da provincia buscando fins comúns” que ten a Deputación da Coruña.
Mentres, Ansede agradeceu “el esfuerzo que están haciendo ambas administraciones”. “Quiero agradecer a los interlocutores todo el apoyo que hemos recibido desde el primer momento, la flexibilidad y el cariño con el que nos han tratado”, engadiu o presidente do Racing, que apuntou que a obra “es fundamental para poder competir de nuevo en A Malata desde el primer partido”, xa que a actualización da iluminación se trata dunha “exigencia” de La Liga de Fútbol Profesional.
A partida económica de 750.000 euros coa que a Deputación da Coruña colaborará co Concello de Ferrol nestas obras da Malata será aprobada no pleno de hoxe venres no marco dun expediente de modificación de créditos.