O BNG pide a Correos efectivizar a suba das indemnizacións por uso do vehículo propio e aplicalo retroactivamente

por Redacción Galicia

Néstor Rego demanda á empresa pública explicar os motivos polos que aínda non actualizou o prezo, unha suba a 0,26 euros, ante o encarecemento dos combustíbeis e os gastos de mantemento dos vehículos

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistra iniciativas na cámara baixa ante o retraso de Correos na aplicación da suba da indemnización a 0,26 euros polo uso de vehículo propio aos carteiros e carteiras do medio rural. Rego defende a necesidade de que se comece a aplicar este importe após dez meses da actualización e se realice o pagamento con carácter retroactivo, recoñecendo este dereitos dos e das traballadoras de Correos e rematando coas demoras nas retribucións que lles corresponden.

O Goberno procedeu a actualizar o importe da indemnización a percibir como gasto de viaxe polo uso do vehículo particular en comisión de servizo, publicando no BOE a Orde HFP/793/2023 o pasado 17 de xullo de 2023. A cantidade acordada e estipulada ficou en 0,26 euros por quilómetro percorrido.

En outubro de 2023, Correos manifestou que chegara a un acordo coas organizacións sindicais asinantes do Convenio e Acordo Xeral para aumentar esta indemnización pasando dos 0,23 euros aos 0,26, en aras de dar cumprimento a esta suba estipulada na Orde. «Dez meses despois de aprobarse a Orde, Correos continúa sen aplicar esta suba aos carteiros e carteiras do rural que están a asumir o custo do encarecemento do prezo do combustíbel, ademais dos gastos de mantemento dos vehículos particulares» denuncia o deputado do BNG.

«Correos debe cumprir o recollido na Orde e incrementar a indemnización aplicándoa con efecto retroactivo desde xullo de 2023. O persoal non pode nin debe asumir os custes a maiores nin retrasos nos pagamentos» reivindica o deputado do BNG. Na opinión de Rego, a empresa pública debe recoñecer á maior brevidade este dereito dos e das traballadoras de Correos do ámbito rural.

Paralelamente, nas iniciativas rexistradas o BNG quere coñecer as causas polas que Correos aínda non actualizou estes importes e os motivos polos que están a tardar máis de dez meses en actualizar as novas taxas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario