Ameijide pregunta a Tomé se “na Deputación non hai cartos para axudar aos 67 concellos tras coñecer que sufragan todoterreos de 92.000€ para os do BNG”

por Redacción Lugo

Antonio Ameijide imaxina que o prezo do vehículo disparouse visto “o lamentable estado” ironizando sobre o que se atopan as estradas provinciais na Pobra do Brollón con fochancas nas que cabe un coche

“Vendo o estado no que José Tomé, o PSOE e o BNG teñen as estradas provinciais na Pobra do Brollón entendemos que dende o goberno provincial asinen un convenio co alcalde dese municipio para mercar un todoterreo “non sabemos se de alta gama”, a tenor dos máis de 92.000€ que envían a este municipio dende a Deputación”.

O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, ironizaba neste senso tras coñecer como socialistas e nacionalistas asinaban un novo convenio con alcalde amigo para mercar un único vehículo todoterreo por un importe de 92.298,02€.

“A verdade é que imaxinamos que será un todoterreo de luxo porque cos case 100.000€ que lle entregan a dedo podería mercar dous vehículos e así ter máis servizo” porque no informe non indican que tipo de vehículo é e “chámanos a atención o custe se simplemente é para desprazarse por dentro do municipio”.

Ameijide explica que estamos ante un novo exemplo do “municipalismo de amiguetes” de José Tomé, do PSOE e do BNG que seguen asinando convenios a dedo cos concellos gobernados unicamente por socialistas e nacionalistas. “PSOE e BNG continúan a empregar a Deputación de Lugo como a súa chequeira particular”, denunciou.

Tras analizar os convenios que o presidente da Deputación deu a dedo no primeiro trimestre do ano ‑aprobados en xunta de goberno ou vía decreto- a municipios gobernados por PSOE e BNG e que suman preto de 900.000€ (865.814,72€).

O goberno provincial aprobou en xunta de goberno no primeiro trimestre do 2024 dous convenios con Concellos gobernados polo PSOE (Pol e Xermade) e un polo BNG (A Pobra do Brollón) que suman preto de 245.000 euros (244.920,25€). E o presidente autorizou, vía decreto, convenios con tres gobernados polo PSOE (A Fonsagrada, Ourol e Monforte) e un polo BNG (Samos) que suman máis de 620.000 euros (620.894,47€).

Unha política que segue a de anos anteriores. De feito, PSOE e BNG entregaron durante 2023 case 15M€ (14,7M€) en 93 convenios -aprobados en xunta de goberno- que tiveron como beneficiarios, practicamente en exclusiva, a municipios gobernados por PSOE e BNG.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario