A Deputación de Ourense mobiliza máis de 662.000 euros en cooperar cos concellos así como con entidades culturais, veciñais, comerciais, deportivas e sociais

por Redacción Ourense

A Xunta de Goberno da Deputación Provincial de Ourense vén de aprobar, na súa sesión ordinaria semanal celebrada esta mañá, a mobilización dun total de 662.398,18 euros destinados fundamentalmente a cooperar cos concellos da provincia, así como con entidades culturais, veciñais, comerciais, deportivas e sociais de Ourense.

Así, destínanse 120.000 euros á reapertura da convocatoria do concurso para a concesión de subvencións para o fomento de actividades escénicas e musicais para o ano 2024, logo de aprobar en Xunta de Goberno a ratificación da resolución do presidente para este asunto.

Tamén foron aprobadas na mesma sesión as bases reguladoras do XX Premio Pura e Dora Vázquez da Deputación, dotado con 3.000 euros en cada categoría (narración e ilustración). A Xunta de Goberno tamén aprobou as bases reguladoras da convocatoria do concurso público para a concesión de subvencións para gastos de funcionamento das federacións ou agrupacións de asociacións veciñais correspondentes ao exercicio 2024.

Cooperación municipal

Repecto á cooperación cos concellos, ao de Lobios vén de se lle conceder unha axuda de 48.396,18 euros para a creación dun novo viario e itinerario peonil no entorno no pavillón municipal e a casa do maior deste municipio. O Concello de Ribadavia percibirá 40.000 euros para gastos de funcionamento do seu conservatorio de música. Tamén se lle concederon 10.000 euros á Entidade Menor de Berán para cooperar en sufragar os seus gastos de funcionamento. O Concello de Muíños recibe 12.000 euros para «Xurés Experience» e 10.000 euros para a organización de «Portas do Xurés», idéntica cantidade e concepto da axuda concedida ao Concello de Bande. Por último neste apartado de cooperación coas entidades municipais, a Mancomunidade de Concellos de O Carballiño e a Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria Conso Frieiras percibirán 50.000 euros cada unha para os seus gastos de funcionamento.

Entidades de diferentes ámbitos

No que atinxe ás axudas concedidas esta mañá, en materia social, a Fundación Gavela e a Asociación Aixiña percibirán 60.000 e 50.000 euros, respectivamente,  para os seus gastos de funcionamento. En materia deportiva, a Unión Deportiva Barbadás e o Ourense Club de Fútbol SAD percibirán 18.000 e 50.000 euros, respectivamente, para colaborar nos seus gastos de funcionamento.

No ámbito cultural, o Liceo Recreo Ourensano percibirá 30.000 euros para os seus gastos de funcionamento e actividades, mentres que a Fundación Aquae Querquenae Vía Nova percibirá 40.000 euros para as escavacións Aquis Querquennis. Por último, en materia comercial, a Asociación Centro Comercial Aberto O Barco recibirá 15.000 euros para a organización da súa pasarela de moda.

Por último, a Xunta de Goberno a modificación do destino de 60.000 euros, dentro do vixente Plan de de Cooperación CooperOU, solicitada polo Concello de Sandiás.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario