A Xunta inicia en Valdeorras a «Primavera de portas abertas» nas rutas do viño

por Redacción Ourense

O director de Turismo Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe en Valdeorras na inauguración da Primavera de portas abertas que a Xunta leva a cabo en colaboración coas cinco entidades impulsoras das rutas dos viños e que se desenvolverá ata o mes de xuño nos distintos territorios vitivinícolas. Como salientou, trátase dunha edición na que se incrementou a participación dos establecementos, ata superar os 100 “constatando así o potencial do turismo enogastronómico e o seu importante papel no rural”

Puxo de manifesto, ademais, a oportunidade desta acción promocional no primeiro semestre do ano e animou a participar nas máis de 60 actividades previstas nas cinco denominacións de orixe durante este mes. En concreto, a Denominación de Orixe de Valdeorras é a protagonista desta fin de semana. Participan 23 establecementos, entre adegas, restaurantes e aloxamentos. E o Bus do Viño chegará desde Ponferrada, Ourense, A Coruña, Vigo e Pontevedra.

Entre as actividades paralelas para esta fin de semana en Valdeorras destaca unha acción lúdica de orientación para por en valor a historia da viticultura no Concello de A Rúa; actividades gastronómicas e de sendeirismo, como unha visita ao Parque Natural Serra Enciña da Lastra. Haberá Cantos de Taberna nalgúns establecementos, que se maridarán con viños da denominación de orixe ou catas nas covas tradicionais no pobo de Seadur, entre outras.

Cinco fins de semana

Tras esta fin de semana, a actividade continuará ata xuño nunha denominación de orixe por cada fin de semana, Así, do 10 ao 12 de maio será a quenda da denominación de orixe das Rías Baixas, do 17 ao 19 de maio na D.O Ribeiro, do 24 ao 26 de maio na Ribeira Sacra e do 31 de maio ao 2 de xuño en Monterrei.

Nas rutas tamén participan restaurantes onde se poderán escoller menús concibidos especialmente para esta ocasión, harmonizados con viños da Denominación de Orixe que corresponda. En cada ruta poderase encontrar, ademais, un plan especial de actividades para a fin de semana. Organízanse entre showcookings, rutas en bicicleta eléctrica, música en directo e paseos en barco polo Miño, catas a cegas ou con observación astronómica, picnics entre viñedos, roteiros de sendeirismo, entre outras.

Os interesados en participar atoparán toda a información na guía promocional dispoñible na web de Turismo de Galicia.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario