O Mercado Mar de Mares celebrou a última xornada con gran afluencia de público

por Redacción A Coruña

A programación do Festival continuará ata o 16 de xuño cun programa cargado de ecoloxía, activismo, ciencia, cultura e unha ampla oferta de lecer e gastronomía

A celebración do Mercado Mar de Mares, que conta co apoio da Xunta de Galicia, Estrella Galicia e Vegalsa-Eroski, volveu encher desde a mañá de onte o Mercado de San Agustín na súa segunda e última xornada. Nenos e maiores están a achegarse a este espazo lúdico e divulgativo para gozar con todas as actividades como a degustación da conserveira Porto-Muiños, o concerto do grupo de cantos de taberna da A.C. Alexandre Bóveda ou o showcooking con Manu Triay de Taberna Triay co bacallau como protagonista. Para os nenos e as nenas, Vegalsa-Eroski ofrece “Baixo o mar”, un espazo no que poderán coñecer dun xeito moi divertido toda a riqueza que alberga o mar como gran ecosistema do noso planeta, a súa íntima vinculación coa vida dos seres humanos, así como a necesidade de coidalo. 

A programación continou durante a tarde cos expositores de artesanía e multitude de obradoiros. Ademais da presentación do libro de Isidro Dubert, “Galicia, un mar con historia” e falaremos das verbas do mar con Mónica Fernández-Aceytuno, escritora e divulgadora que está recopilando as máis fermosas da naturaleza e acaba de lanzar o libro “Las 104 palabras de Mar”. Como colofón final, tras o éxito do sábado de LESUITEBAND, onte tocou desfrutar co ritmo de Marian Ledesma & Tinaquero Brothers, actuación que puxo fin ao programa do mercado nesta edición.

Pero isto non acaba aquí, o mercado foi o principio do Festival Mar de Mares que prolongarase ata o 16 de xuño cun programa cargado de ecoloxía, activismo, propostas culturais, o II Foro Mar de Mares, a clásica V Gran Limpeza de Fondos Mar de Mares – Signus e moito máis.

Alcaldesas polo mar e II Foro Azul Mar de Mares

Unha das grandes apostas desta undécima edición é a estrea da mesa redonda “Alcaldesas polo mar. O valor de devolver a fachada marítima á cidadanía”, como parte da programación do II Foro Mar de Mares. Un encontro que terá lugar o vindeiro martes, 11 de xuño, ás 12.00h, na Fundación Luis Seoane. Tres cidades en pleno proceso de devolver á cidadanía antigos espazos portuarios, tres alcaldesas ao fronte desta gran transformación urbana; Inés Rey, alcaldesa da Coruña, Luisa Salgueiro, Alcadesa de Matosinhos (Portugal) e Mariví Monteserín, alcaldesa de Avilés, falaránnos da importancia, e a extrema complexidade dun proceso que pon a disposición da cidadanía novos espazos verdes, así como equipamentos culturais ou empresariais que, ademais achegan un novo pulo económico á cidade. A xornada será moderada por Laura Rodríguez, Secretaria Adxunta Directiva WAS (Women Action Sustainability) e Directora para España e Portugal de MSC. 

O II Foro Azul Mar de Mares, presentado polo xornalista medioambiental Xavier Fonseca, celebrarase o vindiero venres 14 de xuño no Auditorio da Lonxa da Coruña. Un espazo de reflexión e debate entre diversos sectores da economía do mar. Nesta edición teremos o privilexio de contar coa presenza de aínda máis axentes implicados co fin de mostrar o potencial das costas galegas no desenvolvemento económico, a sustentabilidade, a modernización e a creación de emprego.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario