O seu obxectivo é o de establecer unha comunidade ampla e común de persoas expertas sobre a experiencia, a cobertura xeográfica e as diversas redes sectoriais en materia de fenómenos hidrometeorolóxicos e multi-risco
A profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e investigadora individual do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI), Sonia Zaragoza, presentou este martes, na Aula Magna da Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade da Coruña, unha proposta de guía de boas prácticas en emerxencias vinculadas a fenómenos hidrometeorolóxicos e multi-risco logo da realización dos tres simulacros de rescate e do hackathon express que tiveron lugar, en distintos puntos do Concello de Narón e no Campus Industrial de Ferrol, os días 9 e 10 de abril.
A rotura da parede da presa Presa do Rei e o conseguinte desbordamento do Río Xuvia, o rescate de dúas persoas arrastradas pola corrente nas inmediacións do paseo fluvial e caída dun autobús escolar na ensenada da Gándara foron os tres simulacros propostos para analizar a capacidade de resposta dos equipos de emerxencias da comarca de Ferrolterra no marco do proxecto europeo Comumunity of Valued Experts in Hydrometeorological and Technological Multi-Hazards (COVALEX), nado baixo o paraugas da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, adscrita á Facultade de Ciencias do Traballo do Campus Industrial de Ferrol.
Representantes dos socios do proxecto europeo COVALEX, procedentes de Francia, Austria, Grecia e de Italia, e estudantes do máster en Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns, titulación impartida na Facultade de Ciencias do Traballo, e do máster en Enxeñaría Industrial, vinculado á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), seguiron en directo os tres simulacros a través de varias pantallas xigantes situadas no Club de Remo de Narón. Colaboraron nos mesmos, integrantes de Protección Civil de Narón e de Ferrol, da Policía Local de Narón, da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA 112), da Cruz Vermella, do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), de Salvamento Marítimo e do 061.
A primeira análise de todo o acontecido durante os tres simulacros realizárona, nun hackathon express, un total de 56 estudantes do máster en Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns e do máster en Enxeñaría Industrial quen, divididos en pequenos grupos, superaron unha serie de retos orientados a mellorar a xestión das emerxencias vinculados coa simulación da evacuación das vivendas e os rescates ficticios realizados no marco do proxecto europeo Covalex.
Unha proposta de guía de boas prácticas elaborada desde o Campus Industrial de Ferrol
A profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Sonia Zaragoza, impartiu, este martes, na Sala de Xuntas da Facultade de Ciencias do Traballo, unha formación na que presentou unha proposta de guía de boas prácticas en emerxencias vinculadas a fenómenos hidrometeorolóxicos e multi-risco logo da experiencia adquirida coa posta en marcha, o pasado mes de abril, de tres simulacros de rescate e un hackathon express no que participou alumnado do Campus Industrial de Ferrol.
Nese documento de traballo, elaborado no marco do proxecto europeo Comumunity of Valued Experts in Hydrometeorological and Technological Multi-Hazards (COVALEX) que lidera, en representación da Universidade da Coruña, a propia Sonia Zaragoza, ínstase ás autoridades competentes a pór en marcha novas normativas europeas que sirvan de paraugas ás leis xa existentes a nivel nacional, así como a impartir formación de calidade tanto ás persoas que integran os equipos de emerxencias como á poboación en xeral. Nesta mesma liña, na proposta de guía de boas prácticas elaborada desde o Campus Industrial de Ferrol ponse enriba da mesa a creación dun “Día das Emerxencias” a nivel europeo. A maiores, o informe recalca a necesidade de apostar polo deseño de infraestruturas resilientes en zonas expostas a fenómenos naturais adversos.
A xornada formativa deste martes incluíu tamén a presentación dun vídeo gravado durante a realización dos tres simulacros e un seminario web impartido por persoas expertas da NALAS – Rede de Asociacións Nacionais de Autoridades Locais de Europa Sudoriental de Francia quen salientaron a necesidade de fomentar a colaboración entre os gobernos locais e os centros de innovación, fomentando a adopción de tecnoloxías avanzadas e mellores prácticas para construír comunidades resilientes que sexan quen de xestionar do xeito máis eficaz posible os riscos hidrometeorolóxicos.
Unha rede europea de persoas expertas coordinada pola Universidade da Coruña
Reforzar a cooperación europea en materia de protección civil e prevención de catástrofes promovendo a posta en marcha dun sistema de gobernanza baseado en probas científicas. Este é o obxectivo do proxecto europeo Comumunity of Valued Experts in Hydrometeorological and Technological Multi-Hazards (COVALEX) nado baixo o paraugas da Cátedra de Protección Civil e Xestión de Emerxencias, adscrita á Facultade de Ciencias do Traballo da Universidade da Coruña, e liderado pola profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e investigadora individual do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) do Campus Industrial de Ferrol, Sonia Zaragoza.
Establecer unha comunidade ampla e común de persoas expertas sobre a experiencia, a cobertura xeográfica e as diversas redes sectoriais en materia de fenómenos hidrometeorolóxicos e multi-risco. Esta é a principal liña de traballo que está a desenvolver o persoal docente e investigador da Universidade da Coruña, institución que coordina o proxecto europeo COVALEX, xunto con persoas expertas da NALAS – Rede de Asociacións Nacionais de Autoridades Locais de Europa Sudoriental de Francia, da Rede de Competencia de Desastres de Austria, da Secretaría Xeral de Protección Civil de Grecia, así como da Fundación CIMA e da Asociación da Cruz Vermella de Italia.
O proxecto europeo COVALEXestá financiado pola Dirección Xeral de Protección Civil e Operacións de Axuda Humanitaria Europeas (DC ECHO), un departamento da Comisión Europea que se encarga da xestión da protección civil na Unión Europea e da axuda humanitaria no estranxeiro. Conta cun orzamento total de 774.359 euros distribuído entre os cinco socios que integran o consorcio. A Universidade da Coruña dispón de 220.741 euros para liderar e coordinar este proxecto.