A  agrupación socialista de Friol denuncia a política de improvisación do Concello

por Redacción Lugo

Pretende facer caer as consecuencias da súa ineficiencia sobre os emprendedores que ocupan os espazos do Viveiro de Empresas do Polígono Industrial. O Concello pretende cobrar os 16.344€ que deixou de cobrar durante os anos 2021, 2022, 2023 e 2024 ás empresas instaladas no viveiro de empresas cunha única liquidación.

A voceira do PSdeG en Friol, Ana Pardo, destacou que esta situación é unha mostra máis da deixadez e falta de organización do equipo de goberno, que non axilizou o cobro das cotas de ocupación das naves no seu prazo. Segundo Pardo, «o viveiro de empresas está a disposición de empresas que están comezando a súa actividade, con todo o que iso implica, e agora vanse atopar con facturas que chegan a máis de 7.000€ nalgún caso, cantidades elevadas para afrontar nun único pagamento».

Na última Xunta de Goberno municipal, a maioría do grupo popular aprobou proceder ao cobro das cotas que deixara atrasar de forma acumulada, o que, segundo os socialistas, pode poñer en risco a iniciativa empresarial de moitos emprendedores. Pardo afirmou que «o equipo de goberno está a buscar cartos debaixo das pedras e recorre aos sectores máis indefensos para salvar uns orzamentos imposibles de crer, como xa lles advertiron desde intervención, e que non nos sorprenda se acaban botando a culpa aos funcionarios”.

Ademais, a voceira subliñou a necesidade de atraer emprendedores e facilitar o asentamento de negocios no municipio, en lugar de poñerlles trabas que limiten a súa capacidade para afrontar outros gastos necesarios e investimentos. «Necesitamos axudar aos emprendedores, non perseguilos limitando tan significativamente a súa actividade e capacidade de crecemento», engadiu.

Para os socialistas, esta situación é un exemplo da falta de estratexia e previsión do actual equipo de goberno de Friol. «A falta de planificación leva a consecuencias como a que estamos vendo agora, onde emprendedores con ilusión por iniciar proxectos empresariais no noso municipio se atopan con pagos elevados que dificultan o seu crecemento», concluíu Pardo.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario