“O cru e o cocido”, un dos clásicos gastronómicos da programación Mar de Mares, tivo lugar este xoves 13 de xuño, de 06.00 a 09.30 horas, na Lonxa da Coruña
O Festival Mar de Mares celebra, en colaboración con Estrella Galicia, “O cru e o cocido”, un dos clásicos gastronómicos da programación Mar de Mares. A actividade tivo lugar este xoves 13 de xuño, de 06.00 a 09.30 horas, na Lonxa da Coruña.
Mentres A Coruña dorme, na lonxa ten lugar unha trepidante poxa. En cuestión de minutos, toneladas de peixe acabado de chegar a porto pasarán das mans dos pescadores ás das peixeiras da praza e ás das empresas comercializadoras. A unha velocidade de vertixe, os expertos poxadores colocan a mercadoría no mercado. Se pestanexas, pérdelo. Con todo o peixe vendido, coñecemos os segredos deste gran mercado da man dos seus responsables e gozamos dun almorzo mariñeiro a cargo do cociñeiro de NaDo, Iván Domínguez, que preparou varias tapas especiais para a actividade, entre as que se inclúe a xarda en escabeche, o congro guisado e o rillete de raia. Este delicioso almorzo estivo maridado coa liña de cervexas de Estrella Galicia 1906, a cargo de Carlos Ávila, responsable de Cultura de Cervexa da compañía.
A actividade, que busca poñer en valor a calidade dos produtos do mar e o nivel da gastronomía local, conta coa colaboración de Estrella Galicia, Cabreiroá, Concello da Coruña, Lonxa da Coruña, e a Fundación Rendemento Económico Mínimo Sostible e Social (FREMSS).
II Foro Azul Mar de Mares
O II Foro Azul Mar de Mares, presentado polo xornalista medioambiental Xavier Fonseca, terá lugar este venres 14 de xuño no Auditorio da Lonxa da Coruña. O encontro busca ser un espazo de reflexión e debate entre diversos sectores da economía do mar. Nesta edición teremos o privilexio de contar coa presenza de aínda máis axentes implicados co fin de mostrar o potencial das costas galegas no desenvolvemento económico, a sustentabilidade, a modernización e a creación de emprego
Encontros inspiradores, ecoturismo e moito activismo
A programación de Mar de Mares continuará durante toda a fin de semana. O sábado gozaremos dunha das grandes protagonistas desta undécima edición do Festival, a primeira charla en Galicia da gran activista dos océanos, Olivia Mandle. Unha das mulleres máis influentes en cuestións ambientais que con só 16 anos puxo en marcha unha campaña para acabar co cativerio dos cetáceos en España. Tamén é Embaixadora do Pacto Europeo polo Clima da Comisión Europea e «FOOD HERO» pola Nacións Unidas FAO.
Ademais teremos unha gran dose de ecoturismo cos clásicos paseos pola cidade barco de Xurxo Souto, o avistamento de aves no Monte de San Pedro, as proxeccións do Ocean Film Fest e as travesías no histórico veleiro Juan de Lángara. O colofón final a estas case dúas semanas de amor polos océanos será a V Gran Limpeza de Fondos Mar de Mares- Signus, que terá lugar este domingo, 16 de xuño, na contorna da Torre de Control Marítimo do Porto da Coruña e na que contaremos coa presenza de decenas de mergulladores, entre eles a activista Olivia Mandle.
Sobre o Festival Mar de Mares
Desde a súa creación, Mar de Mares traballa por un futuro máis sustentable promovendo a reflexión e convidando á cidadanía a tomar partido polos mares, co obxectivo de celebrar toda a riqueza que nos achegan os océanos e o compromiso coa súa defensa e coidado. Ao longo destes anos, o Festival consolidouse como un espazo de reflexión grazas aos seus completos programas e á participación de referentes mundiais que nos contaxiaron o amor polo mar e regaláronnos marabillosas historias sobre os océanos.
Un festival avalado ademais por un sinal de calidade nas súas propostas e contidos en sucesivas edicións, sendo un dos eventos da Década dos Océanos da ONU, e colaborando con grandes referentes na divulgación como os World Press Photo, National Geographic, a BBC ou o CSIC. O Festival Mar de Mares está organizado pola Asociación Redes de Sal e conta co apoio de diversas institucións públicas como o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, pero tamén se nutre de apoio privado como son Estrella Galicia, Vegalsa-Eroski, Signus e Abanca, así como da colaboración da Lonxa da Coruña, o Instituto Español de Oceanografía e numerosas institucións do ámbito mariño.