Os aspirantes que superaron o proceso na convocatoria do ano pasado forman parte da 16ª promoción de Policía Local, que rematará a súa formación na Academia en outubro antes de tomar posesión a comezos de ano como funcionarios de carreira
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de 114 prazas para os corpos de Policía Local de 31 concellos galegos, das que 81 son por oposición libre e as 33 restantes por provisión de mobilidade. Estas últimas van destinadas aos policías xa en exercicio que cambian de concello mediante sistema de concurso e de conformidade cun baremo de méritos. As prazas que non se cubran polo procedemento de mobilidade aumentarán as de libre, para evitar que queden prazas sen cubrir e proporcionar un mellor servizo á cidadanía, colaborar cos concellos e fomentar a empregabilidade.
Trátase dunha nova oposición unificada da Xunta a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), que o ano pasado permitiu cubrir un cento de vacantes. De feito, correspóndense co alumnado da 16ª promoción da Policía Local que actualmente se está a formar na Academia desde o pasado febreiro para finalizar en outubro.
O prazo para inscribirse nesta convocatoria comezará despois de que o anuncio se publique no Boletín Oficial do Estado e permanecerá aberto durante 20 días hábiles a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal.
A oposición libre contará con 5 exercicios: un test de coñecemento de 100 preguntas sobre o temario publicado, proba de coñecementos do idioma galego salvo para as persoas que estean exentas, probas de aptitude física (velocidade potencia de tren superior e inferior, resistencia xeral e natación), psicotécnicas (intelixencia, personalidade entrevista persoal) e recoñecemento médico. Unha vez rematado o proceso dará comezo o curso selectivo, tamén na Agasp, e os aspirantes admitidos pasarán a formar parte da nova promoción de Policía Local da Academia.
Os concellos que convocan prazas nesta convocatoria por algunha das dúas modalidades son A Coruña, A Laracha, Bergondo, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cedeira, Malpica, Melide, Narón, Pontedeume, Ribeira, Sada, Santiago de Compostela, Teo, na provincia da Coruña; A Guarda, Baiona, Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa, na provincia de Pontevedra; os concellos lucenses de Chantada e Lugo, e o ourensán do Barco de Valdeorras.
Proceso de selección unitario
A finais do ano 2017 a Xunta aprobou e publicou o decreto 115/2017 para regular a cooperación da Xunta cos concellos que, voluntariamente, decidan delegar na Administración autonómica a selección dos seus corpos de Policía Local. O obxectivo desta iniciativa é aforrar xestións, orzamento e tempo ás entidades locais, ao tempo que se dota ao proceso de maior transparencia e axilidade. Ademais, a confección de listas únicas facilita tamén a contratación.
Ademais da convocatoria para a categoría de Policía Local, xa rematou o proceso selectivo para o acceso a 127 prazas de postos de auxiliares de Policía Local de 32 concellos galegos, onde xa están sendo contratados por períodos de ata seis meses.
Tras o proceso, elaborouse a lista de colaboración para a contratación de auxiliares de policía local para os concellos que teñen convenio coa Xunta e que por circunstancias xustificadas, sexa necesaria a cobertura. Xa se rexistraron 16 chamamentos para contratacións temporais de dous a catro meses para os municipios de Bueu, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, A Laracha, Tui, Celanova e Mugardos.
Por outra banda, a 16ª promoción de policía local que se forma na Academia Galega de Seguridade Pública conta cun cento de aspirantes que superaron as distintas fases do proceso. O próximo mes de outubro, despois de estar de prácticas os meses de verán nos seus concellos de destino, volverán ás aulas para rematar a formación teórica e poder ser nomeados funcionarios de carreira a comezos de ano.
Centro de referencia
A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar as novas promocións de Policía Local ofrece accións formativas con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que garanten a seguridade da poboación galega.