A entidade, que agrupa a asociación con presenza en 30 concellos galegos, celebra que a saúde mental «empeza por fin a entrar na axenda política»
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, presidiu esta mañá o acto inaugural da nova sede da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES) na rúa Revolución Francesa da Coruña.
No acto estivo acompañado pola deputada provincial e concelleira de Servizos Sociais, Yoya Neira, a xefa do servizo de xestión da consellería de Sanidade, Marta Gil, e o presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón.
Formoso felicitou a FEAFAES Galicia, que integra a 12 asociacións en 30 localidades de Galicia, polos seus 40 anos de historia e pola súa loita continua a favor da mellora das condicións de vida das persoas con enfermidade mental e as súas familias.
O presidente da Deputación remarcou que a saúde mental «é un problema de índole social que crece ano tras ano e que casi sempre enfrontan en primeira liña as familias, os concellos e entidades sociais como as que integran FEAFAES» e para o que son necesarios «máis recursos, máis medios e mellor coordinados e sensibilizar á sociedade contra o estigma que aínda persiste sobre as doenzas mentais».
Neste sentido, coincidiu con presidente de FEAFAES na necesidade de ir máis alá do marco asistencial para plantexar unha «abordaxe integral e eficaz» que dea solucións ás persoas que as sofren e as súas familias. «Por suposto, a saúde mental non é competencia da Deputación, pero é un asunto que nos incumbe a todos, por iso implicámonos para apoiar a entidades coma esta na súa importante labor de ofrecer apoio social, xurídico e de inserción laboral ás persoas que sofren a enfermidade e ás súas familias».
Pola súa banda, o presidente de FEAFES Galicia, Xosé Ramón Girón, destacou que «hoxe é un día moi importante porque esta nova sede da federación é froito de moitos anos de esforzo e supurá unha importante mellora na nosa actividade e polo tanto da calidade de vida das persoas ás que prestamos servizo», afirmou.
Girón agradeceu que a saúde mental «empeza por fin a entrar na axenda política» porque «é un problema global da sociedade e debe abordarse como un problema de saúde pública».