A secretaria de Transportes e Mobilidade Sostible, Patricia Otero, esixiu ao Goberno galego que se centre “en exercer as súas competencias” e dea responsta ás queixas que “día si e día tamén” trasladan usuarios, entidades e concellos de toda Galicia
A secretaria de Transportes e Mobilidade Sostible do PSdeG, Patricia Otero, asegurou hoxe que a Xunta de Galicia “debe ocuparse do transporte interurbano na nosa comunidade” en lugar de dedicarse a criticar constantemente ao Goberno central polo servizo de alta velocidade ferroviaria, cuxos trens Avril (Talgo S106) comezaron a operar entre Madrid e A Coruña e Vigo hai escasas tres semanas.
“Xa é hora de que a Xunta se centre en exercer as súas competencias”, dixo Otero, que lembrou que do AVE “xa se está a ocupar o Goberno”. Sinalou, ademais, que os socialistas foron os que trouxeron a alta velocidade a Galicia e os que máis teñen investido nela.
A tamén deputada no Congreso insistiu en que é responsabilidade do Goberno galego “dar resposta ás necesidades de mobilidade ante o mal funcionamento do seu plan de transporte por estrada”, dado que as queixas que trasladan “día si e dia tamén” tanto usuarios particulares como entidades, colectivos e concellos son moitas “ao longo e ancho do territorio galego”.