O foro supón a antesala da XXVI feira internacional Conxemar, unha edición que xunto coa de 2024 son apoiadas pola Xunta con máis de 600.000 euros.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, participou este luns na inauguración da XIII Conferencia FAO-Conxemar, onde destacou a potencialidade de Galicia como despensa do mar en Europa. A responsable autonómica puxo así en valor a cadea mar-industria da comunidade, xa que ofrece ao consumidor produtos de altísima calidade, contribuíndo, en consecuencia, á seguridade alimentaria global.
Por iso, a responsable autonómica remarcou a importancia da celebración deste tipo de foros, pois permiten dar maior visibilidade, afondar na concienciación alimentaria e reforzar á frota galega, considerada unha das máis responsables do mundo en termos de sostibilidade e de protección do medio mariño.
Deste xeito, expuxo que Galicia é á pesca sostible o que o mar é á saúde, indicando que é a base dun sistema alimentario eficiente, inclusivo e resiliente, pois unha xestión responsable da actividade pesqueira supón tamén apoiar a adaptación ao cambio climático e crear oportunidades xustas, tal e como rexe o Código de Conduta para a Pesca Responsable que, con 30 anos de vixencia, e logo de ser o instrumento máis importante despois da Convención das Nacións Unidas Sobre o Dereito do Mar de 1982, permitiu impulsar acordos internacionais tan relevantes como as medidas do estado rector do porto para combater a pesca ilegal, non declarada e non regulamentada.
Todo elo, debulla un escenario ao que Galicia non é alleo. Proba delo, é que a seguridade alimentaria forma parte do decálogo aprobado polo Consello Galego de Pesca ante a futura Política Pesqueira Común. Este documento demanda, precisamente, que este factor ocupe un lugar destacado na folla de ruta da Comisión Europea, priorizando a redución da dependencia de terceiros países e garantindo un level playing field para os pescadores da UE e os operadores económicos da cadea de valor dos produtos do mar.
Trátase, destacou Villaverde, de que os produtos galegos alcancen autonomía e a autosuficiencia no mercado interior europeo, privilexiando o seu consumo na liña marcada pola Comisión na Estratexia da Granxa á Mesa e no marco do Pacto Verde Europeo.
XIII edición
A décimo terceira edición deste foro supón a antesala da XXVI feira internacional Conxemar, que terá lugar desde mañá ata o xoves na cidade olívica. Unha cita que sitúa a Galicia como epicentro da industria pesqueira europea, así como nun escenario referente, que crece ano a ano, ao amparo dun sector estratéxico en España e para a economía galega. 797 expositores procedentes de 46 países se darán cita estes días, convertendo a Vigo no epicentro da industria do conxelado.
A Consellería do Mar colabora na celebración dos dous eventos, a través do convenio bianual 2024-2025, a través do que o departamento autonómico achega máis de 600.000 euros.