.O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e o presidente da Fundación Juana de Vega, Enrique Sáez Ponte, inaugurarán este luns ás 12:30 horas no Centro Sociocomunitario de Caión a exposición itinerante “Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina (1805-1872). Facer no século”.
A mostra permanecerá aberta ao público ata o venres 28 de xuño en horario de 17:00 a 20:00h (17 a 21 de xuño) e de 10:00 a 13:00h (24 a 28 de xuño).
Coñecer a Juana de Vega
A exposición “Juana de Vega, Condesa de Espoz y Mina (1805-1872): Facer no século” está organizada pola Fundación Juana de Vega para divulgar a figura e obra desta muller ilustre, que desenvolveu unha intensa actividade benéfica e social. Progresista e liberal, foi avanzada para a súa época, e deixou unha gran impronta non só na cidade da Coruña senón tamén en toda Galicia e resto do Estado.
Na mostra, distribuída en 20 paneis, percórrense as andanzas da súa familia, a guerra e a política de principios do século XIX, o seu casamento co heroe da Guerra de Independencia, Francisco Espoz y Mina, e o seu matrimonio. Tamén o exilio, os ataques sufridos polo militar navarro e a súa morte, que a converten na “viúva eterna”. Mais isto non foi óbice para que desenvolvese a súa faceta humana e intelectual ao longo dos anos. Desde a súa función como aia da raíña Isabel II ata a fundación de hospitais e hospicios ou a súa influencia nos círculos de poder para acadar sempre o fin de axudar aos máis necesitados.
A Asociación de Señoras, o Hospital da Caridade, o Asilo da Mendicidade e a Casa da Misericordia son algunhas das institucións que contribúe a crear e, sobre todo, manter. Juana de Vega tamén participou activamente nas iniciativas políticas liberais que se deron na cidade herculina e Galicia. Polo seu parladoiro da rúa Real pasaron políticos, xornalistas e intelectuais. Persoeiros como José Pardo Bazán, Vicente Alsina, Hipólito Otero, Montero Telinge ou Arias Uría atopábanse entre as súas amizades. A súa implicación, sempre informal, no manexo das decisións políticas que afectan aos progresistas herculinos continúa como mínimo ata 1868, mais tamén os seus contactos cos primeiros espadas do partido a nivel estatal, en especial con Salustiano Olózaga.
Foi considerada como unha heroína pola súa loita contra o cólera, unha das doenzas máis mortíferas do século. Tamén destacou na defensa da memoria do seu defunto marido, preservando o seu legado e protexendo o seu recordo. Juana morre o 22 de xuño de 1872 con 67 anos. Deixa un testamento detallado e sistemático. As súas últimas vontades inclúen o reparto ben ordenado dos seus bens entre familiares, amizades moi queridas e diferentes institucións.
Remata a exposición cunha referencia á Fundación Juana de Vega, que foi constituída por vía testamentaria co obxectivo de crear unha escola teórico-práctica de agricultura na casa de verán en San Pedro de Nós en Oleiros (A Coruña). Hoxe, despois de 150 anos, continúa o seu legado adaptando o seu cometido á sociedade actual.
Esta exposición itinerante, organizada pola Fundación Juana de Vega, conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e a colaboración de máis dunha vintena de institucións públicas e privadas, desde museos a arquivos ata centros de documentación e bibliográficos que durante este século e medio gardaron, conservaron e catalogaron os fondos que tan xenerosamente Juana de Vega nos legou.
Tras inaugurarse na Coruña, a mostra pasou por Santiago, Ourense, Vigo, Monforte de Lemos, Mondoñedo, a Casa de Galicia en Madrid, a Escola de Traballo Social da USC, Malpica e os IES Maximino Romero de Lema (Zas) e Urbano Lugrís (Malpica). O Centro Sociocomunitario de Caión, na Laracha, será a décima parada deste percorrido expositivo.