A través da ollada de grandes nomes da fotografía clásica e actual
A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia traen a Ourense a mostra A Vía da Prata. Aires do Sur, quereivindica o patrimonio cultural e histórico do Camiño desde Sevilla a Santiago de Compostela, cunha presenza moi relevante das terras da provincia de Ourense, retratadas da man de ata 30 fotógrafas e fotógrafos clásicos e contemporáneos.
O presidente provincial, Luis Menor, e o conselleiro de Cultura, José López Campos, acompañados pola comisaria da mostra, Lucía Laín; o director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Francisco González; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, inauguraron hoxe no Centro Cultural Marcos Valcárcel esta mostra que reúne 92 imaxes e constrúe un relato evocador de experiencias capturadas nas que o visitante se sitúa, de maneira intencionada, no punto de vista do peregrino.
Cabe destacar que das 92 imaxes que compoñen esta mostra, un total de 27 representan lugares, monumentos, tradicións ou paisaxes da provincia de Ourense. Neste sentido, Luis Menor dixo que realizar o Camiño a través deste itinerario xacobeo é “unha das mellores maneiras para mergullarse na riqueza patrimonial, gastronómica, enoturística, cultural e histórica da nosa provincia”.
Menor destacou o traballo realizado pola institución provincial a prol da promoción e difusión deste itinerario xacobeo entendéndoa como “unha aposta polo territorio por ser unha oferta turística vertebradora e de gran importancia histórica, que ademais serve como canle de difusión da nosa tradición e cultura”. Ademais, ofrece unha singularidade con respecto a outras rutas xacobeas: a conexión directa en AVE co resto da Península.
Fotógrafos ourensáns
López Campos destacou A Vía da Prata. Aires do Sur como unha forma de coñecer “a riqueza paisaxística e monumental da ruta xacobea que une Sevilla con Santiago de Compostela”, así como a vida cotiá de localidades de Andalucía, Estremadura, Castela e León e Galicia. Tamén puxo en valor a “importante presenza de fotógrafos e fotógrafas ourensáns”, desde a eminente figura de José Suárez ata coñecidos artistas contemporáneos como Tere Fernández, Antón Buciños e os fotoxornalistas Brais Lorenzo e Miguel Muñiz.
Entre as instantáneas clásicas atópanse imaxes tomadas na capital ourensá polo recoñecido fotógrafo documental Nicolás Muller, nas que retratou a mediados do século pasado os mercados nas rúas, as lavandeiras nas Burgas, a Catedral ou a paisaxe da Ponte Romana sobre o Miño. O entroido en Vilariño de Conso, Verín e Laza, coa farrapada, o enfariñado ou o xogo da lardeira, adquire tamén protagonismo nas imaxes capturadas por Ana Turbau, Miguel Muñiz, Carmenchu Alemán ou Cristina García Rodero (Premio Nacional de Fotografía 1996). Fotografías que saltan entre o século XX e o XXI para dar conta da vixencia dunhas tradicións enraizadas como parte da identidade ourensá.
Desde Sevilla a Santiago de Compostela, a exposición propón “un percorrido a través de 150 anos de historia da fotografía”, dixo Lucía Laín. Unha coidada selección de obras de grandes fotógrafos clásicos como Jean Laurent, Nicolás Muller, José Suárez ou Otto Wunderlich, que se suceden nun interesante diálogo coas olladas do presente de fotógrafas e fotógrafos contemporáneos que afondan na realidade de pequenas localidades, algunhas aínda descoñecidas e outras cada vez máis transitadas, para captar as miradas e os costumes das súas xentes. Forman parte da mostra imaxes de coñecidos artistas contemporáneos como Carmenchu Alemán, Vicente López Tofiño, Fernando Manso ou os Premios Nacionais de Fotografía Cristina García Rodero e Juan Manuel Castro Prieto, entre outros.
A mostra pode visitarse no Centro Cultural Marcos Valcárcel, de luns a venres de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 21:00 horas. Os sábados, domingos e festivos, así como no mes de agosto, o horario é de 11:00 a 14:00 h.