Trasladou esta problemática ao Parlamento Galego, e presentará iniciativas nas distintas institucións «para buscar unha mellor ubicación a este proxecto, que non afecte nin ás vivendas nin ás augas da zona»
O portavoz do BNG e Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado dos seus concelleiros e concelleiras, asistiu onte á mobilización organizada pola veciñanza ante o proxecto da fábrica de metano proxectado en Coeses.
Xa o pasado 10 de xuño, Rubén Arroxo anunciaba nunha reunión con parte das persoas afectadas que o BNG ía colaborar coa veciñanza nas accións necesarias para garantir a súa calidade de vida ante o proxecto de construcción dunha fábrica de Metano, que actualmente se atopa en exposición pública e en prazo de alegacións. Arroxo explicou que «reunímonos coa veciñanza afectada para amosar o noso apoio e colaborar coas distintas accións que leven adiante as veciñas e veciños dos núcleos afectados».
«Estamos ante un proxecto que producirá ruídos, cheiros e que pode ter influencia na calidade da auga da zona», afirmou Arroxo, que engadiu «colaboraremos tamén axudando a presentar alegacións ao proxecto para que as veciñas e veciños poidan amosar o seu rexeitamento a esta plana».
O pasado mércores a deputada do BNG no Parlamento Galego, Montserrat Valcárcel, recibiu en Compostela a unha delegación de veciñas e veciños da contorna afectada, acompañados polo propio portavoz do BNG no Concello de Lugo, que se desprazaron para compartir co Grupo Parlamentar do BNG as súas reclamacións ante o proxecto da fábrica.
O BNG xa rexistrou iniciativas no Parlamento Galego, e presentará máis nas noutras institucións onde ten representación, amosando a problemática trasladada polas veciñas e veciños.
O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha ubicación alternativa «que non afecte a ningún núcleo de poboación». A Xunta declarou o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, o que conleva a simplificación de trámites administrativos, «mais o que debe ser prioritario é garantir que as veciñas e veciños da contorna non vexan mermada a súa calidade de vida por esta planta», afirmou Rubén Arroxo.