O PSdeG presenta unha proposta con cinco eixos para «reconstruír a sanidade galega»

por Redacción Galicia

O secretario de Sanidade e Saúde do PSdeG, José Miñones, presentou unha proposta con cinco eixos para “reconstruír a sanidade galega” e reclamoulle ao goberno galego que “deixe de confrontar e de presentar ocorrencias indefendibles”, e comece por “asumir e exercer as súas competencias”. Alertou de que a Xunta deixou  sen cubrir 100 prazas MIR para formar novos médicos nesta última convocatoria, unha cifra semellante á do ano anterior.

Miñones sinaloulle ao presidente da Xunta que “coa táctica da confrontación e botando balóns fóra non se soluciona a ausencia de profesionais nin o peche de camas”, polo que presentou unha proposta inicial con cinco eixos esenciais para poñer en marcha “o antes posible”.

Reclama en primeiro lugar un Plan de choque de cobertura vacacional, así como o incremento urxente na retribución dos MIR de 1º a 5º anos de formación, a cobertura de tódalas prazas certificadas polo Ministerio e o incremento de titores para Atención Primaria para permitir unha maior oferta de formación en MIR. Ademais, propón a eliminación da burocracia na Atención Primaria coa aprobación dun Plan Integral de Equipos Multidisciplinares e a entrada da IA,

O responsable socialista sinalou que “esperamos que o presidente da Xunta faga como os médicos, e despois de lavar as mans entre no quirófano de urxencia onde ten metido á sanidade pública e se poña operar”.

Prazas sen cubrir

Advertiu que o único responsable da falta de médicos é o goberno galego, que deixou sen cubrir 1.541 prazas MIR dende o ano 2012, incluíndo 131 médicos de familia -que son180 dende que chegou o PP á Xunta- cos que Galicia podería contar hoxe para facer fronte á situación crítica da sanidade pública. Miñones criticou que “semella que o goberno de Rueda non sabía que os profesionais sanitarios tiñan vacacións” igual que descoñecía que chegan á idade de xubilación.

Miñones advertiu que as dificultades que está a atopar o goberno galego “derivan certamente da falla de profesionais pola nula planificación no pasado, pero tamén porque Galicia é a Comunidade Autónoma que peor paga aos MIR de primeiro a quinto ano de formación”. Pola súa xestión é que Galicia ten o peor rateo de fisioterapeutas e o segundo peor rateo de matronas e enfermeiras do Estado.

Explicou que a situación actual “demostra a falla de programación e de planificación dos dirixentes do PP”, que coa súa “nefasta xestión” deixaron pasar a oportunidade que lles brindou o goberno central, que leva 6 anos consecutivos batendo o récord histórico de prazas formativas dispoñibles para Galicia.

Lembra que o goberno de Sánchez incrementou un 40 por cento as prazas de médicos de familia e de formación sanitaria, mentres a Xunta é incapaz de ofertar as prazas certificadas polo Ministerio e de cubrir as prazas que oferta.

Ocorrencias

José Miñones criticou que o goberno galego teña escollido de “desviar a atención coa estratexia coñecida da confrontación” para agochar a “parálise engadida” que vai provocar o cambio de nomes na estrutura da Consellería en lugar de asumir a competencia sanitaria que ten a Xunta e que “pode desaparecer pola incompetencia política dos seus dirixentes”.

Criticou a última “ocorrencia” de poñer aos MIR a traballar como médicos sen supervisión, que denota “irresponsabilidade, inseguridade e falla de planificación”. Apuntou que “ningún galego ou galega se subiría a un avión pilotado por alguén que aínda non terminou a súa formación e sen vixilancia e, do mesmo xeito, é intolerable que pretenderan poñer aos MIR en formación a atender os centros de saúde sen ningún tipo de supervisión”.

O responsable de Sanidade da Executiva do PSdeG resumiu que estas “propostas irracionais” son en realidade “froito da falla de ideas” por parte dun goberno e dun PP que levan “14 veráns consecutivos caendo nos mesmos erros”.

Comparte éste artículo
1 Comment