Alerta laranxa por tormentas esta tarde na montaña de Lugo

por Redacción Galicia

O fenómeno adverso estará activo a partir desta tarde e pode estar acompañado de sarabia

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar para hoxe a alerta laranxa por tormentas na montaña de Lugo.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde primeiras horas desta tarde e pode vir acompañado de sarabia.

Ademais, está activado o aviso amarelo tamén por tormentas desde primeira hora desta tarde no centro e sur de Lugo, así como na montaña e zona de Valdeorras, en Ourense. Nestes casos virán acompañadas de chuvias que poden acumular 25 mm. nunha hora e pode haber tamén sarabia.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario