O Hospital Virxe da Xunqueira incorporou tamén equipamentos por valor de 800.000 euros nos últimos anos
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Camaño, visitou esta mañá o Hospital Virxe da Xunqueira de Cee, con motivo da reforma e ampliación das urxencias deste centro sanitario da rede sanitaria pública da Xunta de Galicia. Así, salientou que a Costa da Morte contará desde este verán cun hospital mellor preparado para atender as urxencias sanitarias, grazas ao investimento de 1,1 millóns de euros que esta a realizar a Xunta.
Segundo apuntou, “cando rematen estas obras, as urxencias de Cee contarán coa posibilidade de establecer un circuíto específico independente para a atención e illamento diferenciado dos pacientes con patoloxías respiratorias”, ademais de “incorporar un novo control de enfermería para ese dobre circuíto”.
Engadido ao anterior, abundou o conselleiro, as Urxencias do Hospital de Cee verán ampliado en cinco o número de boxes cos que conta este servizo, ao pasar dos actuais 7 boxes de observación e o único existente para pacientes illados, até un total de 13 boxes -todos eles con posibilidade de illamento- . Do mesmo xeito, tamén se incorporará unha nova sala de traballo médico e unha nova sala de traballo de enfermería. Ademais, engadiranse novos aseos para os pacientes e para o persoal, así como un dormitorio para o médico de garda.
Durante a visita, na que o conselleiro estivo acompañado polo xerente da área sanitaria, Luis Verde, o titular da carteira sanitaria da Xunta visitou os puntos de atención móbil instalados para dar apoio ao hospital durante os traballos, e destacou a importante mellora que supón a nova consulta de cardioloxía de alta resolución deste centro, e coa que se evita que os pacientes teñan que desprazarse ata a cidade da Coruña para recibir este tipo de asistencia especializada.
Importancia dos hospitais comarcais
As compras centralizadas de equipamento e tecnoloxía sanitaria que realiza o departamento sanitario galego teñen en conta as necesidades que posúe cadanseu hospital comarcal. En concreto, o Hospital de Cee dotouse de novo equipamento por valor de 800.000 euros, destacando entre esta aparataxe un novo TAC, os sistemas de anestesia e os ecógrafos adquiridos para os servizos de urxencias e xinecoloxía.
No que atinxe ao reforzo de persoal, o Goberno galego aprobou unha lei para convocar prazas en hospitais comarcais por concurso de méritos, sen necesidade de oposición, “o que supón un incentivo moi importante para traballar en hospitais como o de Cee”. Así, o primeiro concurso convocado incluíu oito prazas para este centro (2 de anestesia, 2 de oftalmoloxía, 2 de xinecoloxía e 2 para urxencias).
En consecuencia, desde xaneiro este centro conta con oito prazas cubertas -de xeito fixo- por novos especialistas médicos, uns profesionais que exercerán no Hospital de Cee durante un período mínimo de dous anos.
A Xunta de Galicia segue a traballar na optimización das prestacións sanitarias na área sanitaria da Coruña e Cee. Así, ademais de incrementar a súa carteira de servizos e profesionais, esta previsto que, antes de que remate o ano, o centro sanitario de Cee ca conte co seu novo Hospital de día de oncoloxía.