Como cada ano, desde o Concello de Oleiros queremos recalcar con motivo do 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo LGTBIQA+, o noso compromiso na construción colectiva dun municipio onde a diversidade sexa sinónimo de benestar social, onde todas as persoas teñan garantidos os mesmos dereitos e oportunidades, onde a harmonía social, a tolerancia e a pluralidade sexan a norma. Por isto, o Concello de Oleiros participa activamente na defensa dos dereitos das persoas LGTBIQA+ e traballa para erradicar, desde a raíz mesma, as violencias LGTBIfóbicas.
Dándolle continuidade ás accións de sensibilización e concienciación realizadas ao longo de todo o ano neste eido, un ano máis iluminarase o castelo de Santa Cruz coas cores da bandeira LGTBIQA+; despregarase a bandeira LGTBIQA+ no edificio do Concello de Oleiros (Praza de Galicia, 1); o propio 28 de Xuño publicarase un manifesto de compromiso e reivindicación baixo o lema da vixente campaña ‘Oleiros, orgullosamente diverso’ a través dos medios de comunicación municipais; e repartirase material de sensibilización a toda a cidadanía desde as Casas da Mocidade, as Bibliotecas Públicas Municipais, a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade (Rúa Camilo Días Baliño s/n) e a Villa Echeverry (Avenida Ernesto Che Guevara, 45).