O deputado de patrimonio, Xosé Penas, reúnese co presidente de Icomos España, Juan Carlos Molina

por Redacción A Coruña

Durante o encontro, o deputado presentou os diferentes proxectos promovidos dende a área de patrimonio

A Deputación da Coruña recibiu a visita do presidente do Comité Nacional Español de Icomos, Juan Carlos Molina, que se reuniu co deputado provincial de patrimonio, Xosé Penas, para coñecer os diferentes proxectos postos en marcha e tamén para abordar posibles vías de colaboración.

Penas amosoulle algunhas das iniciativas que se levan a cabo dende a área de patrimonio da entidade provincial, como Compostela Rupestre, o Parque do Megalitismo da Costa da Morte ou o Parque Arqueolóxico da Idade de Ferro, entre outros. O Presidente de Icomos España puido coñecer, ademais, os diferentes proxectos de modernización e posta en valor do patrimonio provincial.

Pola súa parte, Juan Carlos Molina trasladoulle ao deputado as funcións da entidade que preside, órgano asesor do Comité do Patrimonio Mundial para a implantación da Convención sobre a Protección do Patrimonio Mundial Cultural e Natural da UNESCO, que avalía as candidaturas e asesora sobre o estado de conservación e os sistemas e plans de xestión e turismo sustentable dos bens inscritos na lista do patrimonio mundial.

Ademais, valorouse a posibilidade de que a Deputación se asocie a Icomos España, de cara a 2025, para contar co asesoramento do organismo en materia de conservación e protección do patrimonio, así como de outras liñas estratéxicas da Deputación como os plans de turismo sustentable.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario