«Para que a Rolda Leste cumpra coa normativa actual de protección de espazos naturais, será preciso un cambio de trazado para esta estrada», afirmou Rubén Arroxo
O pleno do Concello de Lugo aprobou, co voto en contra do Partido Popular, a proposta do BNG para reclamar á Xunta de Galiza que adique ao barrio da Tinería os preto de 20 millóns de euros proxectados para a construcción da Rolda Leste. «Despois de que a Xunta recoñecese que ten que elaborar unha nova Avaliación de Impacto Ambiental, paralizando o intento da Xunta de levar este proxecto adiante coa oposición de gran parte das veciñas e veciños de Lugo, é hora de investir na recuperación dun dos barrios con máis potencial de Lugo como é a Tinería», afirmou Rubén Arroxo, que engadiu «o abandono da Tinería pode verse moi claramente nas excavacións arqueolóxicas da UI-7, un espazo actualmente valado cun peche metálico que produce un importante impacto visual no que debería ser unha das zonas máis coidadas da cidade, unha zona que podería ser un centro de investigación e un polo de atracción de visitantes para a cidade».
O BNG presentou unha iniciativa no Pleno do Concello de Lugo a respecto da rolda leste. En febreiro do ano 2023, despois da publicación do proxecto en exposición pública, o Concello de Lugo aprobou, por iniciativa do BNG, instar á Xunta de Galiza a modificar o trazado para garantir a protección do Parque do Rato, e en marzo defendeuse unha proposición similar, reclamando a paralización do proxecto da Rolda Leste e adicar este investimento ao barrio da Tinería. «a Xunta de Galiza teñen unha oportunidade de saldar unha débeda coa cidade e coas veciñas e veciños de Lugo que o goberno do PP asumiu cando chegou ao poder no 2009», explicou Rubén Arroxo, que engadiu «durante os últimos anos, desde o BNG impulsamos emendas aos orzamentos da Xunta reclamando que se retomara este proxecto», lembrou Rubén Arroxo, que engadiu «Lugo non pode agardar mais, o barrio da Tinería está chamado a ser unha das zonas máis importantes da cidade, mais vemos como despois continúa en ruínas». «Toda a veciñanza de Lugo pode ver como o barrio da Tinería leva igual desde o 2009, mentres que o BNG conseguiu un recoñecemento da ONU para o proxecto de renovación deste barrio, o PP déixanos un pazo que data de hai máis de 1.000 anos apuntalado», explicou Arroxo.
O portavoz do BNG afirmou que «o 90% dos investimentos executados no barrio da Tinería realizáronse nos anos nos que o BNG tivo responsabilidades de goberno, foron máis de 20 millóns de euros investidos na recuperación deste barrio», afirmou Rubén Arroxo, que engadiu «os distintos gobernos do PP executaron en 18 anos menos do 10% do total».
Planta de Biometano de Coeses
Arroxo defendeu neste pleno que a Xunta paralice este proxecto, dentro dunha emenda presentada á proposición do PP. Arroxo ironizou co punto de acordo orixinal proposto polo PP, que reclama que o proxecto a executar cumpra estrictamente coa legalidade vixente, e afirmou que «obviamente, calquera proxecto para poder levarse adiante ten que cumplir coa legalidade vixente, mais aquí o problema é a afectación que esta planta vai ter na veciñanza da contorna». Ante o rexeitamento do PP a esta emenda, o BNG presentou unha proposición ao vindeiro pleno buscando o acordo da corporación para que a Xunta de Galiza a que promova a paralización da planta de Biometanización proxectada en Coeses
«Estamos ante un proxecto que producirá ruídos, cheiros e que pode ter influencia na calidade da auga da zona», afirmou Arroxo, que engadiu «trátase dun proxecto que conta cunha grande oposición por parte da veciñanza, que xa presentou alegacións a este proxecto».
O BNG reclama, xunto coa veciñanza da zona, que se valore unha ubicación alternativa «que non afecte a ningún núcleo de poboación». A Xunta de Galiza declarou o proxecto como iniciativa empresarial prioritaria, o que conleva a simplificación de trámites administrativos, «mais o que debe ser prioritario é garantir que as veciñas e veciños da contorna non vexan mermada a súa calidade de vida por esta planta», afirmou Rubén Arroxo.