Tras o grande éxito da súa función no Ágora, o cómico galego actuará o 14 de decembro no Teatro Colón. As entradas xa están á venda
Tras encher a comezos de ano o auditorio do centro sociocultural Ágora, o humorista galego Pablo Meixe regresa á cidade con ‘Meixeverso’, o seu ambicioso espectáculo. A súa actuación será o 14 de decembro no Teatro Colón e as entradas xa están á venda a través de Ataquilla.
‘Meixeverso’ é un paso adiante na carreira de Pablo Meixe. Un show humorístico que busca potenciar as múltiples facetas do galego e que conta cunha grande aposta polo audiovisual. O Goberno de Inés Rey prosegue mellorando a súa programación cultural, incorporando a grandes referentes das novas formas de humor, como é o caso de Meixe, con case un millón de seguidores en redes sociais.
A premisa da que parte o espectáculo é que o cómico caeu na conta de que ao longo e ancho dos distintos planos da realidade pódense atopar personaxes curiosos que poñen a proba o tecido da graza e o chiste. E para iso valerase de audiovisual, música, cambios de vestiario e, sobre todo, moitas risas. Así, Pablo Meixe emprenderá unha viaxe chea de humor na que falará das súas vivencias e desventuras nunha travesía polos formatos, onde o público poderá conectar cun dos creadores de contido do momento.
‘Meixeverso’ é un show de humor, mais ás veces é unha gala de premios e outras unha sala de cinema. Para o deseño do cartel e a realización das pezas audiovisuais nas que se apoia o espectáculo, contouse co fotocreador e filmmaker Álvaro L. Barreiro.
Pablo Meixe comezou no mundo do teatro aos 14 anos. Aos 17 no clown e aos 19 cos monólogos, mais pola faceta pola que resulta maiormente coñecido é polos vídeos de humor que sobe en redes sociais e que lle valeron para alcanzar máis de 750.000 seguidores en Tiktok e máis de 200.000 seguidores en Instagram. Actualmente, Pablo continúa gravando vídeos e actuando en distintas salas e teatros de todo o país.