Non é moi común no mainstream da opinion publicada recoñecermos a trascendencia do Estatuto de 1936, que cumpriu o seu 88ªº aniversario este 28-X. E, porén, a súa proxección ao nosso tempo é indubidábel, pois que a Disposición Transitoria 2ª da vixente Constitución deseñou un acceso privilexiado ao nível máis alto de autonomia para as tres nacións do Estado, que tiñan plebiscitado afirmativamente no pasado cadanseu Estatuto. Canda este acceso privilexiado recoñeceuse un sistema bilateral e paccionado para a definición do Estatuto, proposto pola Asemblea de parlamentarios galegos que logo negociaban o texto a refrendar pola cidadanía coa propia Comisión Constitucional, no canto do proceso estatutario dos outros territorios distintos ás tres nacións devanditas, no que as propostas estatutárias eran tramitadas polas Cortes estatais como calquera lei orgánica.
Este recoñecemento conéctase coa propia distinción entre nacionalidades e rexións que fai o artigo 2 da Constitución e constitúe a única pegada da antiga legalidade republicana na Constitución de 1978 e nos seu bloque de constitucionalidade (Estatutos e outras leis orgánicas).-
O plebiscito de 1936 foi un grande éxito do Partido Galeguista (PG) dirixido por Castelao e Bóveda. Primeiro pola súa elaboración participativa e transversal, que acadou en decembro de 1932 o apoio de 209 dos entón 319 concellos galegos. Despois pola intensidade da campaña plebiscitaria e pola apertura da mesma a outras forzas da Fronte Popular, que partillaba o PG e outras alleas, como o Centro de Portela Valladares e a Dereita Galeguista de Risco e Filgueira Valverde, que se adheriron sen reservas a esta campaña.
O Estatuto de 1936 non puido acadar vixencia por se producir o golpe militar e posterior enxurrada franquista só días despois da súa solemne presentación nas Cortes republicanas, Xurdiu entón en determinados partidos da FP (PSOE ou Izquierda Republicana…) a idea de que o importante era gañar a guerra e que coas autonomías catalá e vasca xa abondaba, propugnando esquecer o Estatuto aprobado. Mais o teimudo labor de Castelao conqueriu que o Estatuto fose adoptado oficialmente nas Cortes de Montserrat de 1938 e aprobado nas de México D.F. no 1945.
O mesmo Castelao, animado polo lehendakari Agirre Lekube (PNV) promoveu o Consello de Galiza como institución fideicomisaria da dupla vontade da cidadania galega manifestada nas eleccións de 1936 (en canto elixiron os deputados que integraban o devandito Consello) e do plebiscito de 1936 (en canto votaran por unha maioria de máis do 73% do censo!! o Estatuto). Deste xeito, malia non poder ter un Goberno no exilio pola falla de vixencia normativa do Estatuto, Galicia tivo un representativo da última vontade cidadá democraticamente expresada, que primeiro acadou un amplo, malia que limitado traballo conxunto das tres nacións plebiscitadas a medio da plataforma Galeusca e despois a participación de Castelao como ministro no Goberno republicano no exilio de José Giral (abril 1946-marzo 1947), mais como ministro lexitimamente representante do noso país e non do PG.
Velaí que non se poida entender o rango constitucional de nacionalidade que lle atribuíu a Galicia a Constitución (expresión da súa existencia preconstituínte) sen o traballo de centos de homes e mulleres e, dende a enxurrada franquista e o asasinato de Alexandre Bóveda, sen o titânico traballo desenvolvido por Alfonso R. Castelao . Por iso o rianxeiro, con ser unha personalidade política nacional que vai moito máis aló do galeguismo político, non pode ser reivindicado polos que defenden menos Galicia e máis España.
Foto Vía Galega