Concentración no Centro de Saúde de Valadouro: «A situación da Atención Primaria en Galiza é dramática»

por Redacción Lugo

Falta persoal nos centros de saúde, sen pediatras en moitos centros, con miles de nenos e nenas sen poder acceder á  unha atención pediátrica de xeito ordinario, cun déficit importántísimo de matronas, sen enfermeiras para substituír as ausencias das plantillas, sen médic@s de familia en moitos centros de saúde. Este ano tampouco haberá médic@s e enfermeir@s para atender ás persoas desprazadas, polo que o escaso persoal que hai nos centros de saúde terá que asumir una vez máis este aumento por tres ou por catro a carga de pacientes.  E os responsables únicos desta situación  son o Goberno da Xunta, a Consellería de Sanidade, e o Partido Popular, que levan 15 anos aplicando un plan estratéxico e ideolóxico de deterioro  e desmantelamento do sistema sanitario público e enfocando as políticas sanitarias cara a á privatización.

Na comarca da Mariña, cunha poboación de máis de setenta mil habitantes, o  desmantelamento  da sanidade pública está a producir un dano irreparable, pois os territorios rurais, cunha poboación moi envellecida e dispersa son os máis sensibles e os máis prexudicados por esta estratexia  política destrutora que o Partido Popular está a aplicar, sen ter en conta as necesidades das persoas. O goberno da Xunta de Galicia está a destinar millóns de euros aos concertos coa sanidade privada mentres  a sanidade pública é desmantelada a marchas axigantadas. Cartos para a privada que quitan do que deberan ser orzamentos para a sanidade pública, minguando a calidade asistencial  dos nosos centros sanitarios, ao non contar cos profesionais que son necesarios.

Aquí no Valadouro  levades moito tempo sufrindo estas políticas de recortes que afectan directamente á vosa saúde. Este abandono por parte do Sergas e do goberno da Xunta está a causarvos sufrimento.

A xubilación hai xa moitos meses dun dos dous médicos cos que contaba o Centro de Saúde, non foi substituída deixando á localidade coa metade do cadro médico para atender a todas as veciñas e veciños. Levades moito tempo indo ao centro de saúde e vendo que non hai ningún médico para que vos atenda ou veña alguén a consultar durante catro horas, nin sequera un turno completo. Fostes derivados ao concello veciño de Alfoz para que vos atenderan e ao PAC de Burela se era urxencia.

Moitos de vós xa cambiastes de médico para Alfoz, porque aquí ou non había médicos ou de cada vez que había era un distinto, producíndose sobrecarga de traballo no Centro de Saúde de Alfoz. Aquí ten que haber dous médicos todos os días da semana,  porque se hai dúas prazas de medico é por que se necesitan, así que mentres non estén os dous a tempo completo e todos os días  non está solucionada a situación sanitaria do Valadouro. E non imos pasar por menos.

Outra vez o novo conselleiro anunciou días antes desta concentración a contratación de dous médicos para o Valadouro, un xubilado e un residente de último ano. Se é verdade que imos ter este Centro de Saúde cuberto ao cen por cen é una boa noticia para o Valadouro e para a comarca. Máis temos que poñelo en corentena debido aos múltiples anuncios que levan facendo en relación á cobertura de médicos de familia e mesmo pediatras, como aconteceu en Ribadeo ou como pasou o día antes da concentración que reuniu aquí a cincocentas persoas e que logo resultou ser falso.

O que si podemos dicir con orgullo  é que se é verdade que veñen dous médicos para o Valadouro é grazas a vós. Sen a loita  continuada deste pobo, desde que quedastes sen médicos  non se movería nin un so dedo desde a Xunta e desde a Consellería. Seguiriades estando cun médico que algúns días pasarían consulta catro horas.

Este é un pobo afeito a loitar polo que é seu, xa o demostrastes hai case 10 anos cando o goberno da Xunta decidiu suprimir o servizo de pediatría que había para os Concellos de Alfoz e Valadouro, deixando ás vosas cativas e cativos sen asistencia pediátrica e tendo que desplazarvos ata Foz para que os atenderan. Foi un exemplo de loita veciñal que se estendeu durante moitos anos. Loita que  nunca  abandonastes. E seguiremos petando para que isto non quede en saco roto, malia que o Conselleiro de Sanidade pense que non fai falta pediatra aquí, coa escusa de que non hai suficiente número de nenas e menos e que poden ir a Foz a que os atendan.

Desde o Centro de Saúde do Valadouro queremos dicirlles a quen xestiona a sanidade que non imos parar de loitar por unha sanidade pública de calidade, esiximos que se cubran todas as prazas de médicos todos os días. O Partido Popular leva gobernando 15 anos, sabía que está situación iba a producirse e non fixo absolutamente nada para solucionala. O Valadouro esixe que a nosa poboación, rural e moi dispersa, teña acceso aos servizos sanitarios públicos de igual xeito que se vivira nunha capital.

A LOITA CONTINÚA. AQUÍ. AGORA. SEMPRE

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario