A Xunta mellora a vía LU-644 á altura da travesía da Cruz do Incio

por Redacción Lugo

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que a actuación inclúe o reforzo do firme e a construción de dous pasos peonís sobreelevados

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas executa obras de mellora da estrada autonómica LU-644 á altura da travesía da Cruz do Incio, capitalidade do concello do Incio. Os traballos comezaron a finais da semana pasada.

O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, explica que o orzamento ascende a 38.300 euros financiados con cargo ao contrato de conservación ordinaria e vialidade invernal da Zona Sur da provincia.

O proxecto inclúe o reforzo do firme mediante o estendido dunha capa de formigón bituminoso e a adecuación de cotas á nova disposición das beirarrúas executadas polo Concello.

Tamén se construirán dous pasos peonís sobreelevados a petición da Administración local, coa finalidade de reducir a velocidade de circulación nesta zona urbana.

A actuación completarase co repintado da sinalización horizontal en todo o treito obxecto de mellora, que abrangue 320 metros entre os puntos quilométricos 9+800 e 10+120.

O delegado explicou que ante as posibles interrupcións do tráfico para executar as obras, habilitaranse carrís alternativos e sinalizaranse desvíos provisionais mentres se opera na zona.

A estrada LU-644 ten 11,2 quilómetros de lonxitude e conecta Rubián, en Bóveda, coa Cruz do Incio. A finalidade da actuación é incrementar a seguridade e as prestacións da vía, concluíu Arias.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario